A Plataforma de Cerdedo pola Sanidade Pública deu a coñecer esta fin de semana que "por fin" terán Servizo de Matrona no Centro de Saúde de Tenorio. A partir do mes de setembro, as mulleres xa non terán que desprazarse ao centro de Lérez, en Pontevedra.
Desde a plataforma lembran que este servizo chega despois de presentar moitas reclamacións e realizar concentracións e comunicados de protesta solicitando ter esta atención sanitaria "imprescindible para as mulleres desde a puberdade ata a vellez".
Para celebrar que recuperan este servizo despois de anos sen el, a plataforma organizará unha charla cunha matrona, María Vila, membro da Asociación Galega de Matronas, o día 22 de setembro ás 19 horas no Casa da Cultura de Cerdedo.
Esta boa noticia ven acompañada por un "gran malestar" da plataforma por continuar cun Servizo de Pediatría "en condicións moi precarias". Despois de pasar o verán sen apenas atención neste eido, co comezo de setembro, haberá consulta para en Tenorio só os días 5, 19 e 26 e en Forcarei un día á semana, os mércores pola tarde.
Desde a plataforma consideran que os nenos e nenas están "desatendidos con tan poucos días de consulta" e engaden que "non hai seguridade" de que estes días se manteñan nos vindeiros meses.