A Plataforma de Bombeiros Públicos aposta por un Plan de Emerxencias baseado en isócronas

Pontevedra
04 de agosto 2017

Este colectivo defende que os Servizos de Bombeiros sexan públicos e de xesión directa, eliminando o actual reparto territorial que provoca que determinadas zonas se atopen "discriminadas". Reclaman a comarcalización dos Parques das 7 grandes cidades galegas

Bombeiros de Pontevedra nunha intervención
Bombeiros de Pontevedra nunha intervención / Mónica Patxot

A Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia emitiu un comunicado no que denuncia a falta de coordinación, os modelos de xestión e as políticas empregadas en relación coas emerxencias en Galicia, que quedaron de manifesto no incendio da nave de Tenorio.

Critican a actitude por parte da Xunta de Galicia e, en concreto, de Alfonso Rueda, vicepresidente del Gobierno gallego, a quen consideran clave no modelo privatizado que, segundo denuncian, funciona de maneira desastrosa, con continuas denuncias por parte dos traballadores, deficiencias de xestión e despedimentos improcedentes.

Desde esta Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia indican que os servizos de bombeiros deben ser públicos e de xestión directa. E engaden que o mapa de Emerxencias hai que elaboralo baixo un criterio de isócronas, como propón a Deputación Provincial, eliminándose a actual repartición territorial que, segundo expoñen, está a motivar que algúns territorio se atopen discriminados.

Para levar a cabo este novo mapa consideran fundamental a comarcalización dos Parques de Bombeiros Municipais das 7 grandes cidades, entre elas Pontevedra. Entenden que é a fórmula para que se calquera cidadán poida ser atendido nun tempo máximo de 20 minutos.

Sinalan, ademais, que a regulación dos servizos de bombeiros terá que recollerse nun Estatuto do Bombeiro Profesional, un documento que segue sen elaborarse a pesar de que na Lei de Forzas e Corpos de Seguridade, hai 32 anos. xa se establecía unha declaración de intencións para crealo.