Os afectados pola compra de participacións preferentes e débeda subordinada das Plataformas de Marín-Pontevedra levan máis dun mes sen ser convocados ao proceso de arbitraxe.
Segundo confirmou a voceira desta Plataforma, Rosana Prado, "está todo completamente parado, nin respostas do Banco, nin Consumo, nin por parte de ningún político, nada de nada".
Mentres tanto estes afectados, que este martes contaron co apoio dos seus compañeiros do Salnés, seguirán facendo presión na rúa "porque non hai outra vía". Durante este martes concentráronse diante da Subdelegación do Goberno e despois ante a Deputación provincial, onde foron recibidos pola deputada, Begoña Estévez.
Este xoves manterán unha reunión cun responsable de NovaGalicia Banco "non cremos que se remate a arbitraxe, porque si sucedera iso podería liarse unha moi gorda, pero non o sabemos con certeza xa que os cartos que NovaGalicia Banco tiña destinado para a arbitraxe tamén se están agotando", comentou Rosana "non esperamos moito desta reunión, a verdade".
Mentres tanto o Valedor do Pobo considerou que é "conveniente" que a Fiscalía Xeral de Galicia "explore as posibles responsabilidades penais, máis aló do civil" pola colocación de participacións preferentes e obrigacións subordinadas.
Ademais o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) traballa nun plan de actuación centrado en Galicia para afrontar "a presentación masiva de demandas" de titulares de participacións preferentes e débeda subordinada. O obxectivo é garantir, na medida do posible, que os cidadáns afectados por este conflito "poidan acceder á Xustiza dun xeito eficaz".