A Plataforma 'Asieolicosnon' convocou unha concentración de protesta este sábado 29 de xaneiro diante do edificio da Xunta de Galicia en Campolongo.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, confirmou a súa participación nesta mobilización xa que entende que "ese é o lugar no que hai que manifestarse porque a Xunta de Galicia é a única administración que pode autorizar ou rexeitar o parque".
Lembra tamén que foi a administración autonómica a que declarou o proxecto do Parque eólico dos Cotos de interese autonómico o pasado mes de outubro, "unha declaración que se fixo de xeito escuro e que a quen beneficia única e exclusivamente é á empresa que quere poñer en marcha o parque".
Andrés Díaz afirma que a Xunta foi a que sacou a exposición pública en pleno Nadal, "de maneira intencionada, para que dende os concellos nos tiveramos capacidade de maniobra e que os veciños non tiveses tempo para presentar alegacións.
"Agora mesmo está a tratar de aplacar a presentación masiva de alegacións nos rexistros da Xunta, pois só permite a presentación dunha alegación con cada cita previa e non están a aceptar as autorizacións de representación", denuncia o rexedor.
O alcalde de Ponte Caldelas anima a toda a veciñanza a participar masivamente neste concentración para amosar o rexeitamento social que existe contra este proxecto, que afecta de maneira directa a Ponte Caldelas a través da súa liña de evacuación, unha liña de alta tensión cuxo proxecto non saiu a exposición pública "pola intencionada fragmentación dos proxectos que levan a cabo as empresas co fin de agochar os impactos medioambientais".
Para facilitar a participación na concentración do sábado 29, o Concello de Ponte Caldelas porá autobuses a disposición dos seus veciños e nos vindeiros días informará dos percorridos e das paradas establecidas.
ALEGACIÓNS DO PP
O grupo municipal do Partido Popular en Ponte Caldelas ven de anunciar que presentará alegacións en contra do Parque Eólico dos Cotos, centradas na liña de evacuación e na defensa dos veciños afectados de Baltar, Buchabade, Mirón, entre outros lugares.
Os populares consideran "inadecuado" este proxecto eólico polo impacto visual e paisaxístico "así como os posibles problemas de saúde que pudera ocasionar á poboación por onde discurre a liña de alta e media tensión".
O PP insiste en rexeitar este proxecto industrial eólico por presentar "unha fragmentación artificiosa indebida vulnerando varios preceptos legais e normativas do sector eléctrico".
Por último, os concelleiros do PP lamentaron que a día de hoxe Andrés Díaz siga sen convocar a Xunta de Portavoces pedida polos populares para analizar os prexuízos deste parque eólico dos Cotos "mentras que o alcalde de Cerdedo-Cotobade leva xa unha decena de xuntanzas coa oposición".