A piscina municipal estrea os paneis solares que permitirán aforrar o 30% do consumo actual

Sanxenxo
23 de xuño 2014

O Concello de Sanxenxo destinou máis de 92.000 euros nesta actuación destinada a quentar tanto a auga sanitaria coma a do vaso de baño

Paneles solares da piscina municipal
Paneles solares da piscina municipal

O concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez, confirmou este luns que a piscina municipal comezará mañá a quentar a auga sanitaria e do vaso dedicado ao baño a través do sistema de enerxía solar térmica instalado co fin de rebaixar nun 30% o consumo actual. "Hoxe certificouse o seu correcto funcionamento e esta noite cargaranse os paneis xa que isto debe facerse sen sol para evitar que ferva a auga e se acumule aire no circuíto", explicou o edil delegado desta área.

Os 60 paneis captadores da radiación solar ocupan unha superficie neta de 120 metros cadrados, mentres que o sistema de acumulación está composto por tres depósitos de 2.500 litros cada un emprazado nun anexo ás salas de climatización e caldeiras.

A firma Sol Para Nós SL. resultou adxudicataria desta actuación na que o Concello de Sanxenxo investiu unha contía que ascende a 92.083,42 euros, IVE engadido, e que "supuxo a segunda fase do plan de aforro enerxético emprendido na piscina municipal, onde cunha primeira intervención xa conseguimos reducir o 51% do custe derivado do quentamento da auga".

VIAL ROUXIQUE

O Concello de Sanxenxo, a través da Concellaría de Obras e Infraestruturas, concluíu os traballos relativos á reparación da pista de Rouxique, na parroquia de Vilalonga. Tal e como explicou o edil delegado desta área, Tino Sanmartín, foi necesario o arranxo urxente desta vía debido ao estado de deterioración que presentaba tras os continuos temporais do pasado inverno e tamén debido ao tránsito de vehículos pesados.

Os traballos, nos que a Administración local investiu unha contía superior aos 9.100 euros, levaron consigo a roza e a limpeza das marxes do vial, a demolición e levantamento do pavimento, escavación en gabia e apertura de caixa, saneo de firme, e demais actuacións necesarias previas á dotación da capa de rodadura ao longo dunha lonxitude de 70 metros.