A piscina municipal de Marín seguirá en mans dos seus actuais xestores

Marín
06 de xuño 2024

Pola elevada contía da contratación, de case dous millóns de euros, esta proposta irá ao pleno da corporación que se celebrará a próxima semana, para poder requerirlle á empresa que presente a documentación necesaria para facela definitiva

Piscina municipal de Marín
Piscina municipal de Marín / Concello de Marín

A empresa Soom Management, a actual responsable da xestión da piscina municipal de Marín, seguirá ao cargo destas instalacións deportivas. A súa foi a oferta máis vantaxosa das presentadas e prestará este servizo durante os próximos cinco anos.

Pola elevada contía da contratación, de case dous millóns de euros, esta proposta irá ao pleno da corporación que se celebrará a próxima semana, para poder requerirlle á empresa que presente a documentación necesaria para facela definitiva.

O contrato cubre a xestión integral do centro deportivo, incluíndo labores de limpeza, conservación, mantemento, atención e información ao público, control de acceso das persoas usuarias, salvamento acuático e socorrismo, cursos e programas deportivos, vixilancia e control e promoción do servizo para captar novos usuarios.

En canto ás actividades ofertadas, será obrigatorio impartir cursos de natación e outras disciplinas deportivas e de ocio.

Así, de forma mínima, obrigarase á futura concesionaria a ofrecer ás persoas usuarias GAP, ximnasia de mantemento, pilates, full body, abdominais, step, ciclo, HIT, circuíto, tonificación, funcional KIDS, zumba, zumba kids, hipopresivos, ioga, ioga infantil, streching, aquagym e aquatonic. Todas deberán ter frecuencias semanais, máis ou menos elevadas.

O horario de apertura da instalación será de luns a venres, de 07:00 a 13:30 horas e de 16:15 horas a 23:00 horas. Os sábados abrirá de 09:30 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:00 horas e os domingos de 10:00 a 13:00 horas.