As Festas da Peregrina teñen desde este luns 12 de agosto e ata o domingo día 18 un lugar reservado para o público infantil na Praza da Curtidoira.
Unha cita que empeza xa a ser clásica no programa festivo e que arrancou coa actriz e creadora local María Carrera e a súa obra 'A pirata Lola'.
Este conto de piratas estreou un escenario infantil polo que pasarán ao longo da semana diferentes compañías e agrupacións con propostas para os máis pequenos da casa.
Así, salvo este martes 13 que estará reservado para a Batalla de Flores (19.30 horas) e a festa infantil na Praza de España con 'Tarzán, o musical' (21.00 horas), pola Praza da Curtidoira pasarán todos os días ás 19.30 horas as propostas 'Ilusionante’ (contacontos, mércores 14), 'Pablísimo Cabicivai' (teatro, xoves 15), 'A libraría máxica' (teatro, venres 16), 'Do maxín á realidade' (maxia, sábado 17) e 'Ándale! Bon Appétit' (teatro, domingo 18).