A permanencia de ENCE na Ría, tema de discusión na V edición do Club de Debate

Pontevedra
20 de febreiro 2014

ENCE-Elnosa ten que saír da Ría. Sobre esta afirmación xirarán as intervencións, uns a favor e outros en contra, dos 51 participantes na quinta edición do Club de Debate de Pontevedra. Nesta ocasión serán cinco os institutos que competirán polo triunfo: IES Torrente Ballester, IES Ponte Caldelas, IES A Xunqueira 1, IES Luís Seoane e IES Valle Inclán, este último con dous equipos

Demetrio Gómez Junquera co trofeo que se entregará ao gañador do Club de Debate
Demetrio Gómez Junquera co trofeo que se entregará ao gañador do Club de Debate / PontevedraViva

ENCE-Elnosa ten que saír da Ría. Sobre esta afirmación xirarán as intervencións, uns a favor e outros en contra, dos 51 participantes na quinta edición do Club de Debate de Pontevedra. Nesta ocasión serán cinco os institutos que competirán polo triunfo: IES Torrente Ballester, IES Ponte Caldelas, IES A Xunqueira 1, IES Luís Seoane e IES Valle Inclán, este último con dous equipos.

Segundo destacou o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez Junquera, todos eles son centros públicos, "porque son os que están sempre dispostos a participar neste tipo de propostas e nos que se aposta por un ensino de maior calidade".

Esta fase eliminatoria do Club de Debate celebrarase este sábado 22 de febreiro, a partir das 09.45 horas, no Pazo da Cultura. Haberá seis debates. En cada un deles, dous institutos enfrontaranse defendendo a súa postura, que a diferenza de anos anteriores non se sorteará senón que virá definida previamente. Foi unha petición dos profesores que coordinan esta actividade "porque deste xeito o equipo quita máis proveito académico".

Os dous equipos que logren unha mellor puntuación enfrontaranse nun debate final. Ambos estarán clasificados para a final galega, que terá lugar o 26 de abril en Ferrol. Pero o vencedor local recibirá, ademais de 500 euros en material escolar, unha edición especial do libro Sempre en Galicia, de Castelao. A partir deste ano, este será o trofeo para o equipo gañador, que o custodiará ata a edición seguinte.

Escolleuse este libro, segundo Gómez Junquera, porque ao ser un libro de discursos "pareceunos o máis acaído". Será un recoñecemento aos mellores oradores dos colexios pontevedreses, alumnos de terceiro e cuarto da ESO e de primeiro de Bacharelato, que mostrarán as súas habilidades comunicativas nesta actividade, que ten como obxectivo principal que incitar o pensamento crítico e analítico e favorecer o uso do galego entre a mocidade.