Caldas de Reis vai acoller este sábado unha das novidades da súa programación de Nadal deste ano: a gran papanoelada moteira solidaria.
Esta primeira edición pretende reunir un bo número de persoas que, vestidas de Mamá ou Papá Noel, circulen nas súas motos enchendo de cor as rúas do centro de Caldas e as parroquias.
De paso, segundo explica o tenente de alcalde Manuel Fariña, o Concello recollerá alimentos para que os Servizos Sociais municipais os repartan entre familias que precisen máis soporte nestas datas.
A cita para os imitadores de Papá e Mamá Noel está organizada en colaboración coa Peña Moteira 'Os Keimaos'. Comezará ás catro da tarde do sábado e percorrerá as rúas do centro e despois pasará por San Clemente, Saiar, San Andrés e Bemil para chegar de volta á Tafona, onde haberá uns petiscos e unha chocolatada, como xa está a ser tradicional neste Nadal en Caldas. O tenente de alcalde explica que o percorrido destacará pola súa condución cívica e tranquila, xa que o obxectivo é pasar o tempo de maneira festiva e levar un bo recordo.
"Organizamos esta primeira edición da Papanoelada tras o éxito da Xuntanza Moteira que se fixo en outubro, que superou as nosas expectativas de participación e tivo unha moi boa acollida entre a veciñanza de Caldas. Agora queremos que esta nova cita sexa a primeira de moitas nos vindeiros nadais, que chegue para quedar", apuntou Fariña.
O nacionalista animou a toda a xente da vila, da comarca e incluso doutros concellos a achegarse á Papanoelada aproveitando, ademais, que a previsión de tempo fala ceos despexados aínda que con frío. "É un moi bo momento para coñecer Caldas de Reis porque a vila está preciosa coas luces de Nadal e a decoración na que se implicou toda a cidadanía. Caldas é unha vila con encanto que chamará a atención de quen veña", subliñou.