A pavimentación dos camiños rurais de Marín chega a Picotes, Arealonga, Os Tombos e Currás

Marín
28 de setembro 2021

Estas actuacións están enmarcadas nun plan que engloba a un total de 11 viarios rurais en distintos puntos do termo municipal

Camiño rural en Picotes
Camiño rural en Picotes / Concello de Marín

A mellora dos camiños rurais segue avanzando a bo ritmo, tal e como indicou este martes o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, que anunciou a finalización da pavimentación de catro novos camiños, enmarcados no Plan de Pavimentación de Camiños Rurais deste 2021, que engloba 11 viais en distintos puntos do termo municipal.

Dous, Agrovello e Cividanes, xa se remataran en agosto e agora súmase a esa lista de camiños recén pavimentados Arealonga, Picotes, Os Tombos e Currás. Actualmente, estanse a realizar os traballos previos para iniciar a pavimentación en San Blas (Aguete), Miñán, Silvestre-Troncosa, Fixón e Carballal.

Novas calcula que nas próximas semanas avanzarase moito na pavimentación destes camiños que quedan e a continuación realizaranse os labores de reposición dos servizos afectados, recolocando as tapas e os sumidoiros e rematando as cunetas onde sexa preciso.

En total, o Concello inviste neste Plan de Pavimentación de Camiños Rurais máis de 180.000 euros, con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.