O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, encabezou este luns unha visita ás obras de ampliación do Hospital Público Gran Montecelo na que participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e os conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña e Infraestruturas, Ethel Vázquez.
Nesta visita, anunciouse que a partir do 1 de xullo e durante as tardes dos venres, programaranse visitas guiadas para os sanitarios para que se vaian familiarizando co novo edificio e, xa en setembro, será a quenda dos colectivos sociais de Pontevedra.
As obras do Gran Montecelo van a bo ritmo e neste momentos encaran xa a construción da nova torre de hospitalización en forma de "Z", segundo detallaron os técnicos da UTE (Unión Temporal de Empresas) formada polas galegas Copasa, Puentes e Ogmios.
Despois de trece meses de traballos, realizados nos prazos previstos a pesar da crise de materiais e o paro do transporte, a execución do novo hospital atravesa unha fase transcendental que modificará a estrutura do complexo.
O titular do goberno galego tamén destacou o "salto de calidade" que suporá o novo "equipamento punteiro" do Hospital Gran Montecelo, que permitirá que os preto de 500 pacientes da área que se desprazan cada ano a Vigo para recibir Radioterapia, xa poidan obter o seu tratamento en Pontevedra.
"Eses 500 pacientes serán a punta de lanza de todas esas melloras que vai haber aquí e que van supoñer consolidar servizos médicos que eviten desprazamentos e, polo tanto, aumenten a calidade", afirmou Rueda.
O presidente da Xunta informou que o "equipamento de vangarda" co que contará esta infraestrutura recibirá outro impulso co investimento de 8,8 millóns de euros para equipar os novos servizos de Radioterapia, de Medicina Nuclear, de Radiodiagnóstico e de Hemodinámica que se instalarán no futuro hospital.
"Estamos construíndo instalacións que fan falta agora pero que van deixar resoltas as necesidades de espazos e instalacións hospitalarias de Pontevedra, de 300.000 habitantes de 26 concellos para os próximos 50 anos", destacou.
Nestes traballos vanse investir 154 millóns de euros e o converterán na "punta de lanza da sanidade pontevedresa", segundo dixo. Implicará un 74% máis de superficie; dous novos edificios e un bloque de hospitalización; 120 camas, 53 consultas e 3 quirófanos máis; e un incremento do 49% nos postos de hospital de día e do 92% nos postos de Urxencias.
"Iso irá acompañado de todos os recursos humanos necesarios, suficientes e, por suposto, preparados para atender os avances tecnolóxicos que vai ter este hospital", engadiu o presidente.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra lembrou o compromiso de "máxima colaboración do Concello" como demostra que o subministro de abastecemento de auga a Montecelo "está para conectar cando se queira", a execución en marcha do novo vial perimetral, estase a tramitar a condonación do IBI para os edificios sanitarios e se ingresou a cuatía económica do convenio para as expropiacións e urbanizacións.
"Só podemos agardar que ademais desta edificación, fundamental, haxa tamén un esforzo pola defensa da sanidade pública; unha xoia que debemos defender entre todos, que hai que dedicarlle os fondos imprescindibles para que siga sendo un exemplo en todo o mundo", dixo Lores.
A preguntas dos xornalistas, o conselleiro de Sanidade sinalou que no novo hospital tamén haberá un aparcamiento público, "está proyectado" pero que polo de agora non se pode avanzar nada máis sobre esta obra complementaria "cando haxa máis concreccións as daremos, por suposto". En todo caso, dixo que os técnicos están a traballar en "varias alternativas, unha delas é que sexa unha parte exterior e é probable que algunha parte sexa cuberta".