A parroquia de Tourón, en Ponte Caldelas, cuna de centenarias

Ponte Caldelas
15 de xaneiro 2017

O alcalde acode a felicitar o aniversario dunha muller de 104 anos e foi informado de que outra veciña xa cumpriu os 108

Sara Maquieira Garrido celebrando o seu aniversario
Sara Maquieira Garrido celebrando o seu aniversario / Concello de Ponte Caldelas

Os veciños de Tourón, en Ponte Caldelas, bótalle a "culpa" á auga da lonxevidade que se dá nestes paraxes.

O alcalde, Andrés Díaz, acudiu estes días a felicitar o aniversario a Sara Maquieira Garrido, quen o pasado 2 de xaneiro cumpriu 104 anos. A visita produciuse a raíz da chamada dun veciño que alertou ao Concello de que en Tourón hai non unha, senón dúas centenarias.

O veciño transmitiu esta información despois de ler na prensa a nova da recente visita á casa da que, se presumía, era a avoa de Ponte Caldelas: Cecilia Martínez, residente en Mirón, e que vén de chegar aos 103 anos.

Andrés Díaz quedou abraiado diante destas revelacións, pois na información que obraba no Concello cando tomou posesión do cargo en xuño de 2015 non figuraban estas dúas mulleres, que nunca foran obxecto de visita algunha do alcalde. "Anteriormente só se acudía á casa de Cecilia e nós limitámonos a continuar esa tradición", explicou, "polo que estamos encantados e moi sorprendidos".

O alcalde foi moi ben recibido en casa de Sara Maquieira, a quen entregou un ramo de flores. Sara explicou que aínda que o seu DNI reflicte o 2 de xaneiro como a data de nacemento, en realidade veu ao mundo unha semana antes, toda vez que os trámites de inscrición rexistral tardaban varios días en facerse. Sara, que está completamente lúcida, relatou que tivo un fillo que faleceu hai xa anos. A súa familia estaba composta por seis irmáns e todos emigraron, agás ela.

Ata hai ben pouco vivía soa e xa dende hai algúns anos está coidada por unha familiar. Aínda que pasa moito rato sentada aínda é quen de desprazarse coa axuda dun andador. A anciana comentou lembranzas da Guerra Civil e relatou que na súa mocidade foi pandereteira, hábito que conserva e, que de feito, demostrouno en presenza do alcalde dedicándolle unha peza popular.

Despois dunha grata conversa emprazou a Andrés Díaz a volver o ano próximo e a visitar tamén á súa veciña e amiga tamén centenaria, que, segundo dixo, é aínda maior. O alcalde quedou en facer as consultas pertinentes para deixar clara definitivamente a identidade da avoa de Ponte Caldelas.