A palabra 'Sanxenso' axuda á Policía Local a detectar o xustificante falso dun logróñés que estaba de vacacións en Raxó

Poio
02 de abril 2021

A Policía Local de Poio detectou esta persoa procedente de A Rioxa que presentaba un xustificante falso para asistir a unha peritaxe dunha empresa náutica de Sanxenxo durante a Semana Santa. Foi a veciñanza quen alertou da presenza deste visitante doutra comunidade aos axentes municipais

Axente da Policía Local de Poio en Raxó
Axente da Policía Local de Poio en Raxó / Policía Local de Poio

Os pillabáns buscan todo tipo de argalladas para saltarse os límites perimetrais pero, en ocasións, a mala ortografía levanta sospeitas. É o caso detectado este martes pola Policía Local de Poio en Raxó. 

Os axentes identificaban unha persoa procedente de Logroño, na Rioxa, nesta zona turística. Este home presentaba un xustificante para asistir a unha peritaxe nunha empresa náutica do municipio de Sanxenxo durante un período comprendido entre o 28 de marzo e o 6 de abril, durante toda a Semana Santa.

Foron os propios veciños de Raxó os que sospeitaron ante a súa presenza e alertaron os axentes, que identificaban o home nas proximidades do porto de Raxó. Para xustificar a súa visita a tantos quilómetros de distancia da súa residencia, o home presentaba esa declaración realizada por un empresario de Sanxenxo. Os axentes recolleron a documentación e verificaron a autenticidade do documento.

O escrito xa levantou sospeitas ao aparecer mal escrito o nome do municipio: 'Sanxenso' en lugar de Sanxenxo. A partir de aí, os axentes contactaron co asinante desa declaración responsable, que manifesta á Policía que non emitiu o documento e que a sinatura que aparece no escrito non é a súa.

Ante estas circunstancias, a Policía Local abre dilixencias xudiciais por un presunto delito de falsificación documental e se notifica a proposta de sanción ao veciño de Logroño por saltarse o perímetro autonómico, ordenándolle que debe abandonar Galicia de inmediato. O home accedeu voluntariamente á petición policial, segundo indican desde a Xefatura de Poio.