A comunidade educativa do CEIP de Ponte Sampaio quixo manter a festa galega tradicional deste mes de novembro, o magosto, malia que as circunstancias durante este curso non permiten unha asistencia masiva a este tipo de eventos.
Nunha celebración marcada polas normas de seguridade, o conserxe do centro José Avelino Arean foi o encargado de asar as castañas achegadas polas familias para que, a continuación, o alumnado se achegara ao patio e degustara o froito típico do outono.
Nesta ocasión non foi posible realizar os xogos tradicionais en compaña de familiares dos escolares do centro xa que non foron invitados para evitar calquera posibilidade de contaxio.
No seu lugar desenvolvéronse actividades evitando contactos como A Mariola; o xogo da corda no que os estudantes saltaban de forma individual ou por grupos de convivencia estable e o xogo do pano en grupos de convivencia.
Ao mesmo tempo, nas aulas tratouse didacticamente todo o relacionado co magosto e se escoitaron cancións con referencias a esta tradición, ademais de decorar os cucuruchos para as castañas.