Divulgaciencia e a Ostra de Arcade únense este ano na terceira edición do programa para poñer en valor a biodiversidade e a riqueza coa que conta o municipio de Soutomaior arredor do mar, e destacar o molusco tanto no plano festivo como no cultural, social e científico.
A proposta educativa para difundir contidos científico-tecnolóxicos contará este ano con actividades de obradoiros, cunha Feira de ciencia e tamén con roteiros medioambientais. Este ano, por primeira vez, o Concello de Soutomaior vai a vincular os contidos do 'Roteiro 1. Soutomaior mira ao mar', á Ostra, porque entenden, dende o Goberno Local, que este molusco forma parte da riqueza económica, cultural e social do municipio.
Deste xeito buscan que as persoas máis novas comprendan a importancia que ten a biodiversidade coa que conta a enseada de San Simón no municipio como puntos no que auga salgada e doce se mesturan, unha característica que dá acubillo a formas de vida moi particulares.
A actividade contará con dúas partes. A primeira se realizará na zona do Peirao de Arcade (unha parte que xa realizaron nesta semana o alumnado da ESO do Colexio Santiago Apóstol) e onde as persoas asistentes coñecerán máis sobre o sistema de cría de mexillóns e ostras como parte das paisaxes litorais e a súa relación cos factores oceanográficos e culturais. Realizarán tamén observación e identificación de aves na enseada (garzas, corvos mariños, biluricos, parrulos…), para ir descubrindo as principais especies que viven na contorna e a súa importancia no equilibrio e nas condicións destes lugares.
A segunda denomínase 'Ostras! A vida entre as cunchas' e consiste nunha actividade de aula nos centros educativos mediante a cal a través de dinámicas participativas, recursos visuais (vídeos, fotografías e ilustracións), e técnicos (lupa de aumento) descubrirán os segredos da ostra e a súa historia no litoral da enseada. Trátase dunha actividade de investigación científica para falar do pasado, presente e futuro para crear entre todas e todos os posibles proxectos de futuro para a ostra.
Nesta actividade participarán máis de 180 mozos e mozas escolarizados no IES Soutomaior, no Padín Truiteiro e no Santiago Apóstol, achegando desta forma a biodiversidade e a riqueza do municipio aos centros educativos.