Apenas dous días despois dunha vixésima Feira Franca que cumpriu con todas as expectativas, a organización da festa pensa xa na edición do próximo ano.
A edil de Festas, Carme da Silva, desvelou que o Consello Aberto da Feira Franca, que se reunirá proximamente para facer balance do evento, traballa xa en "ideas" que permitan ampliar a súa programación.
No futuro da Feira Franca, segundo Da Silva, terán cada vez máis protagonismo o río Lérez e a ponte do Burgo. Este "símbolo da cidade", como o definiu a concelleira nacionalista, cobrará importancia tras a súa rehabilitación.
"Vaise a incorporar con máis forza á festa", explicou, tras probar timidamente este ano unha serie de actividades no Lérez coa presenza dunha vintena de embarcacións tradicionais e de exhibicións de oficios tradicionais na Praza do Peirao.
Este espazo será "moi importante" na futura Feira Franca, xa que a ponte e o desaparecido porto que había nas súas inmediacións "teñen moita relación con esta festa", xa que no medievo había un gran tráfico de mercadorías que chegaba a Pontevedra por mar.
Ademais, o Concello asegura que estudará as peticións cada vez maiores para que se instalen un maior número de baños químicos pola cidade, a pesar de que o goberno municipal recoñeza que " non é facil" pola falta de espazo no centro histórico.
A Feira Franca supuxo, segundo Carme da Silva, un broche de ouro a unhas Festas de Verán "espléndidas". A edil quixo felicitar a todos os pontevedreses por ser un "exemplo" de participación activa, de implicación nestas festas e, sobre todo, por gozar delas "con alegría e bo ambiente".
Nos próximos días, o Concello encargará un estudo que analice o retorno económico que, para a cidade, tiveron estes case tres meses de actividades continuas no espazo público e que, destacou Da Silva, demostraron a "magnífica convivencia" que hai en Pontevedra.