O tan citado espírito do Nadal brillou pola súa ausencia no pleno municipal deste luns. Foi unha sesión rifada e chea de tensión, que deixou en evidencia a distancia que separa actualmente ao BNG non só co PP, senón tamén cos seus ex socios do goberno, o PSOE.
As hostilidades entre goberno e oposición comezaron xa cun asunto que, ata o de agora, non xerara nunca demasiado problema: a aprobación de facturas pendentes.
O socialista Iván Puentes, socio do BNG no pasado mandato, acusou o goberno municipal de actuar con "prepotencia, arrogancia" e de estar instalados este últimos seis meses nunha "falta de diálogo absoluta", a pesar de non ter a maioría suficiente para poder gobernar.
O PSOE, que acabou votando a favor de pagar esas facturas porque "foron servizos prestados correctamente e de boa fe" por diversos provedores, lamentou a "nula capacidade" do BNG para entender "a situación na que están", que Puentes cualifica como "minoría absoluta".
"Que isto lles sirva de toque de atención e de chamada ao diálogo e ao consenso", engadiu.
Rafa Domínguez, pola súa banda, xustificou o seu voto en contra en que o PP "no somos conocedores" da necesidade destes contratos nin participaron da súa tramitación. "No nos pueden pedir nuestra confianza" sinalou.
Pero o líder popular foi máis duro co secretario do pleno, que emitiu un informe "repugnante" instando os concelleiros a favor a favor da aprobación destas facturas, que contaban co aval dos técnicos. "Non pode inducir ou deixar por escrito o que debemos votar", asegurou
O edil de Facenda, Raimundo González, censurou a postura "inconsistente" do PSOE e que o PP estea instalado na "filosofía do non", lamentado que socialistas e populares quixesen converter este pleno nun "mitin poselectoral"
"Só lles pido coherencia", sinalou González, que lamentou que a oposición utilice os informes dos técnicos "cando lles veñen ben, incluso sacándoos fóra de contexto, e cando nos lles gusta usan toda unha batería de descualificacións".
Pero onde quedou reflectida a división que existe actualmente entre o goberno e a oposición foi no debate da proposta do PP para impulsar a redacción e aprobación dunha nova relación de postos de traballo (RPT) no concello pontevedrés.
A edil popular Pepa Pardo reclamou ao goberno municipal retomar a proposta negociada cos sindicatos en 2019 e actualizala, algo que segundo subliñou nunha cuestión de "dereito, dignidad y respeto" aos que son a "clave de bóveda" do concello.
Tras lembrar que foi o goberno quen decidiu "meter en un cajón" esa nova RPT, Pardo asegurou que esa decisión foi "total y absolutamente arbitraria y política", deixando unha estrutura "del siglo pasado" e que "no obedece a las necesidades" da sociedade actual.
"Les pido que retomen la negociación con los trabajadores, a los que tantas veces han faltado al respeto", afirmou a concelleiro do PP, poñendo fin aos "remiendos" que supuxeron as numerosas modificacións da RPT en vigor e aos "abusosy menosprecios" ao persoal.
Os socialistas, que facilitaron a aprobación desta iniciativa o PP ao votar a favor, sinalaron, por boca do seu portavoz, Iván Puentes, que esta situación é froito da "arrogancia" do BNG e da "criminalización" que fan dos propios traballadores municipais.
Puentes censurou as "mentiras" do goberno municipal e os seus intentos de "terxiversar e manipular" aos cidadáns con este asunto, impulsando unha "batalla inventada entre un alcalde austero e un traballadores aproveitados que queren cobrar máis".
A aprobación da nova RPT, segundo o edil socialista, non é para que os funcionarios cobren máis, senón para que os cidadáns teñan máis dereitos e mellores servizos. "O que pedimos é que Pontevedra teña unha RPT digna e unha persoal organizado e estruturada", resumiu.
Eva Vilaverde, edil responsable de persoal no goberno municipal, lamentou que PP e PSOE pidan unha nova RPT cando na Deputación, tanto o anterior executivo provincial como o actual, aproban continuas modificacións en lugar de impulsar unha nova relación.
"Descubrimos que o criterio non é o mesmo estando no goberno que estando na oposición", ironizou Vilaverde, que defendeu que estas modificacións son "máis flexibles" que unha RPT nova e permiten adaptar cada ano a estrutura municipal ás necesidades da cidade.
O estudo realizado en 2019 para unha nova RPT, engadiu a concelleira do BNG, "non é posible levalo a cabo porque non é viable", especialmente a nivel económico, xa que a subida salarial "xeralizada" provocaría "subir impostos e taxas porque non dá".
Ademais, sostivo que legalmente "tampouco sería posible", ao superar o incremento salarial que fixa o Estado para os empregados públicos", e que dita relación de postos de traballo "non se adapta ás necesidades actuais" da administración municipal.
Seguindo o debate nas bancadas do Teatro Principal estivo unha nutrida representación dos sindicatos da xunta de persoal, que acusaron o goberno municipal de "mentireiros" e pediron de maneira reiterada a dimisión do alcalde por non negociar cos seus traballadores.
O propio Fernández Lores ameazou en varias ocasións con suspender o pleno ante as interrupcións que sufriron as intervencións da edil responsable de persoal.