Dous modelos claramente antagónicos. Así foron as visións que se presentaron no Parlamento galego respecto das necesidades de aparcamento que xurdirán tras a ampliación do hospital de Montecelo.
O PSdeG-PSOE, a través da deputada Paloma Castro, urxiu á Xunta a habilitar un aparcamento gratuíto que aumente as prazas existentes na contorna do hospital e, a súa vez, a incluír unha cláusula no convenio de xestión do aparcamento proxectado para limitar prezos e ofrecer bonos gratuítos.
Castro asegurou que "é inadmisible e intolerable facer negocio coa sanidade", tras sinalar que o aparcamento "é un servizo vinculado estreitamente a unha asistencia sanitaria de calidade", polo que é necesario que sexa gratuíto para persoas usuarias, familiares e persoal.
A deputada socialista lembrou que as obras do Hospital Montecelo son financiadas na súa maior parte polo Goberno de España grazas ao Fondo de Compensación Interterritorial e lamentou que "o único" que fixo Alberto Núñez Feijóo neste tempo foi "atrasar unha década" un proxecto "moi necesario" que debería estar finalizado en 2012.
Pero o PP votou en contra e, no seu lugar, demandou dotar ao Hospital Gran Montecelo de Pontevedra dun sistema de mobilidade que favoreza o acceso mediante o transporte público, garantindo unhas condicións de aparcamento "accesible e asequible" para as persoas usuarias, familiares e persoal do centro, mantendo as prazas publicas existentes.
A deputada do grupo do PPdeG, Begoña Freire, pediu unha "racional utilización dos recursos públicos", de forma que os maiores esforzos vaian destinados ás prestacións sanitarias "e facilitando un sistema de mobilidade sostible que permita o acceso e accesibilidade a todos os usuarios deste novo hospital, dando solución á caótica e desordenada situación que os usuarios sofren na actualidade".
"A mobilidade no Hospital de Montecelo non pode cinguirse a unha mobilidade baseada no vehículo privado", sinalou a deputada popular, quen apuntou que "a aposta debe ir máis aló e considerar tamén o transporte público".