Os catro grupos políticos da oposición na Corporación municipal de Pontevedra reuníronse este luns durante máis dunha hora para avanzar no que bautizaron como "rexeneración democrática" no Concello da capital. Os portavoces de PP, PSOE e Ciudadanos (C's) responderon á convocatoria de Marea Pontevedra para crear unha mesa de traballo neste campo, pero o BNG, grupo de Goberno, non acudiu á cita na sala de comisións. A pesar desta ausencia, os outros catro grupos insisten en seguir convidándolles a posteriores encontros e avanzan xa que seguirán traballando para cambiar as "regras do xogo" do funcionamento do Goberno local, con ou sen os nacionalistas, pois contan con 13 concelleiros fronte aos 12 do BNG.
A viceportavoz municipal, Anabel Gulías, xustificou a súa ausencia da mesa pola rexeneración democrática argumentando que desde o seu grupo "sempre apostamos por seguir os mecanismos e organismos habituais, xunta de goberno ou comisións" e lembra que ao principio do mandato convidaron a todos os grupos a participar. A concelleira interpreta que esta reunión é "a escenificación perfecta dunha historia de amor entre Marea e ou PP que naceu ao principio do mandato", pois "empezaron cunha cita nunha cafetería, logo pasáronse mensaxiños por Whatsapp, algunha chamada, e finalmente remata nesta escena tan romántica e tan ben compasada e cunha sintonía tan bonita".
Anabél Gulías: "É a escenificación perfecta dunha historia de amor entre Marea e ou PP que naceu ao principio do mandato"
Ao seu xuízo, a creación desta mesa de traballo é resultado dun acordo político entre Marea e o PP e móstrase especialmente crítico co partido que lidera Luís Rei, pois "se a Marea entende que este pacto político é a onde queren ir pois oe... veremos en que deriva". Ademais, fixo un paralelismo coa situación política a nivel estatal, pois cre que Marea e o PP atoparon unha receita para chegar a entendemento entre partidos tras o 20-D: "Recomendámoslle a Mariano (Rajoy), que vai estar aquí de vacacións, que lle dea unha chamadiña a Jacobo para que lle explique como aquí pactan coa Marea. E a Marea que lle explique aos seus líderes todopoderosos como están pactando, e logo que veñan aquí e copien".
Os catro grupos da oposición confían en reunirse cada dúas semanas ou, como moito, cada mes e o portavoz do PSOE, Agustín Fernández, valorou, ao termo da reunión, que espera que ás próximas citas acuda algún representante do BNG porque "do que se trata e de buscar a unanimidade e o consenso para que isto funcione mellor". De momento non chegaron a ningún acordo, pero si que fixaron "puntos de encontro que permitan avanzar".
A primeira reunión serviu para fixar tres vías de traballo na que se centrarán os próximos encontros e que son, segundo o portavoz do PP, Jacobo Moreira, o regulamento de paticipación cidadá, modificar o regulamento de funcionamento do pleno e crear unha nova ordenanza de transparencia e boas prácticas, todo co obxectivo de acabar con situacións como as que se atopa na actualidade un concelleiro de Pontevedra á hora de acceder á información municipal, pois "conseguir una simple factura supone un vía crucis" e ás veces hai que esperar varias semanas para ter un expediente solicitado.
"Hay una nueva política que pide paso", indicou a portavoz de Ciudadanos, María Rey, que xustifica que os catro grupos levan falando da necesidade desas reformas desde principios do mandato, pero reuníronse agora porque "después de la jugada de los presupuestos" facíase máis necesario que nunca.
O portavoz de Marea, Luís Rei, explicou que a idea é "dotarnos dunhas normas do xogo" na que todos estean de acordo, por iso é polo que queiran "intentar que se incorpore ou grupo de goberno para que as regras do xogo sexan aprobadas por unanimidade". Respecto diso, nega que exista unha fronte política Marea-PP ou dos catro grupos da oposición, senón que se trata de "buscar uns mínimos que sirvan para corrixir as deficiencias que hai" e, á marxe diso, os catro manteñen posturas distintas en asuntos como a planta de compost da Canicouva, a continuidade de Ence ou a rede de transporte "inexistente" en Pontevedra.