A oposición ao parque eólico de Pedras Negras chega ao Parlamento

Vilaboa
11 de xaneiro 2013

O grupo parlamentario do BNG presentou unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia para impedir a instalación do parque, que afectará a montes de Vilaboa, Marín, Moaña e Bueu. Anuncian unha "ofensiva política" ao proxecto

A oposición ao parque eólico de Pedras Negras que impulsaron nos últimos meses a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, o colectivo ecoloxista Anduxía, a Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común da comarca do Morrazo e diversas entidades veciñais e particulares dos municipios afectados chega agora á súa fase máis política.

O proxecto para a instalación de aeroxeradores nos montes do Morrazo afecta de pleno a terreos de Moaña, Marín e Vilaboa, pero o colectivo ecoloxista Anduxía alerta que tamén se leva por diante terreos do termo municipal de Bueu. Agora, a representación do BNG en todos estes concellos comezou unha ofensiva e leva este rexeitamento veciñal ao Parlamento de Galicia.

O grupo parlamentario do BNG presentou este xoves unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia para impedir a instalación do parque eólico Pedras Negras na comarca do Morrazo.

O reponsable comarcal da organización nacionalista, Xosé Ramón Millán, indica de que "non é de recibo que o único interese do Goberno do PP na comarca do Morrazo sexa o de se pór ao servizo da multinacional Green Power España para que obteña inxentes beneficios económicos a través da explotación eólica, a costa de arrasar cos recursos naturais, económicos, arqueolóxicos e de lecer que posúen os montes desta comarca".

Millán transladou o acordo adoptado polo Consello Comarcal do BNG, de rotunda oposición á instalación deste parque eólico e, en consecuencia, na "posta en marcha de todas as accións precisas para evitar a consumación deste disparate".

Ata o momento, o BNG promoveu a presentación de alegacións ao proxecto, tamén dende os concellos, en sintonía co defendido pola Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común da comarca do Morrazo. E agora, segundo indica a deputada Montse Prado, "faise preciso que o PP demostre ata onde chega a súa coherencia no Parlamento galego. Sería difícil de explicar a diferenza de postura do PP neste tema nos concellos e no Parlamento".

A presentación desta iniciativa parlamentario forma parte dunha ofensiva política do BNG no Parlamento, que inclúe a formulación de preguntas ao conselleiro de Economía e Industria para coñecer o alcance do proxecto e a posición política da Xunta.