A oposición acusa a Feijóo no Parlamento galego de actuar "en conivencia" con Ence

Pontevedra
06 de outubro 2015

O Parlamento galego debateu este martes unha proposición non de lei presentada por AGE e apoiada polo resto da oposición para que a fábrica de Ence se marche de Lourizán en 2018, que foi rexeitada polo PPdeG

Fábrica de Ence na ría de Pontevedra
Fábrica de Ence na ría de Pontevedra

O Parlamento galego debatiu este martes unha proposición non de lei presentada por AGE e apoiada polo resto da oposición para que a fábrica de Ence se marche de Lourizán en 2018, que foi rexeitada polo PPdeG.

O deputado popular e portavoz do grupo municipal do PP en Pontevedra, Jacobo Moreira, encargouse de argumentar en contra desta proposición afirmando que Ence "ou segue" na ría de Pontevedra "ou pecha" e recriminou á oposición que "parece que non lles importa o desemprego" en Pontevedra, aínda que lle espetou ao BNG que, "segundo di a policía, xa se ocupan vostedes de buscar emprego en Cespa", en alusión á Operación Patos.

Pola súa banda, Antón Sánchez (AGE) criticou que a Lei de Costas saíu adiante só cos votos do PP para dar "posibilidade" a que ENCE estea "75 anos máis" na ría de Pontevedra, do que son "cómplices" e acusou aos populares de "ter hipotecado a este país" con empresas como ENCE "que destrúe máis emprego" do que xera.

Desde o PSdeG presentaron unha emenda de engadido para pedir á Xunta que busque alternativas que permitan a "recolocación viable de Ence", se é posible, na comarca de Pontevedra. A socialista Patricia Vilán denunciou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "está absolutamente pasivo" durante case sete anos de goberno, pois "debería buscar unha mellor localización", pero "o que fixo foi mirar para outro lado".

Finalmente a deputada do BNG, Ana Pontón engadiu que Feijóo "está claramente activo en conivencia cos intereses de ENCE" e sinalou que a fábrica de celulosa "é un problema para o desenvolvemento económico de toda a provincia de Pontevedra", máis aló do "grave problema ambiental".

A proposta rexeitada pretendía instar á Xunta, en base ao plan de ordenación de litoral e ás directrices de ordenación do territorio, a emitir un informe negativo para a solicitude de prórroga da concesión de ENCE. Tamén demandaba a redacción do instrumento urbanístico para protexer os terreo que ocupa a pasteira para que o seu traslado sexa efectivo en 2018.