O antigo convento de Santa Clara xa é da Deputación Provincial. Este martes, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta provincial, Carmela Silva, asinaron o convenio polo que o Concello cede oficialmente as instalacións, para que pasen a formar parte do Museo de Pontevedra.
A sinatura foi un acto cheo de simbolismo celebrado na capela de Santa Clara que permite selar un acordo xa fixado hai meses, despois de que o Concello adquirira o cenobio por 3,2 millóns de euros e decidise cedelo á Deputación para que pase a ser o sétimo edificio do Museo.
Ademais de asinar o convenio que establece o futuro uso do antigo convento e fixa que o Concello poderá seguir facendo uso dos xardíns e do bosque, procedeuse á entrega física das chaves, sete pezas que acabaron en mans do director do Museo, José Manuel Rey García.
Tamén supón un paso máis no proceso que comezou hai un ano coa compra do convento. Lores destacou que é "a operación urbanística máis desde desde mediados o principios do século pasado" que, entre a adquisición, o estudo de usos, o proceso de musealización e rehabilitación e a posta en funcionamento "superará con moito os 30 millóns de euros".
A xornada resultou "histórica", tal e como destacaron Lores, Silva e o vicepresidente provincial e responsable da xestión do Museo, César Mosquera. Presenciárona tamén o secretario da Deputación, Carlos Cuadrado Romay; o concelleiro de Patrimonio histórico de Pontevedra, Xaquín Moreda; e a xefa de xestión administrativa do Museo, Sonia Mateos.
Mosquera tamén amosou a súa "ilusión" por poder xestionar a incorporación de Santa Clara ao Museo, algo que nos anos 70 e 80 en círculos culturais de Pontevedra era "unha utopía". "Tivo que pasar 50 anos , pero ao final consumouse" e el recoñeceu estar "francamente contento".
Carmela Silva destaca a importancia desta incorporación para "ampliar o Museo e convertelo, máis se cabe na referencia de todos os museos de Galicia" e a sinatura deste convenio é "un día transcendental para o Museo de Pontevedra, para a cidade, para toda a provincia e para toda Galicia" que pasará a formar parte importante da historia de Santa Clara.
A presidenta provincial considera que o día resulta tan histórico que "hoxe deberían tocar as campás de Santa Clara como acto simbólico", pero tan só figuradamente, pois nestes momentos as campás non están preparadas para tocar.
Para Fernández Lores, con esta cesión, "Santa Clara queda nas mellores mans posibles, o Museo, ese gran Museo que todos os pontevedreses queremos" e que todos queren que sexa "o museo nacional de Galicia".
Con esta incorporación, recibe "un pulo importantísimo de cara ao futuro".
CRÍTICAS DO PP
A entrega das chaves de Santa Clara volveu poñer sobre a mesa a postura do PP de Pontevedra contraria a esta medida. O portavoz do grupo municipal, Rafa Domínguez, lamentou este martes que o Concello de Pontevedra "regale Santa Clara" á Deputación, que con esta cesión dá "un pelotazo".
Así, critica que "podería cederse o seu uso unicamente" en lugar de ceder o espazo. Con esta cesión, segundo o líder do PP local, a Deputación "adquire gratis algo que compramos cos nosos impostos todos os pontevedreses".