A “operación mulching” chega a Ponte Caldelas con 30 toneladas de palla

Pontevedra
24 de outubro 2017

O Concello de Ponte Caldelas convoca unha xornada de voluntariado para esparexer a palla durante este sábado polos montes queimados do municipio

Estruturante para os montes de Ponte Caldelas
Estruturante para os montes de Ponte Caldelas /

O Concello de Ponte Caldelas adquiriu 30 toneladas de palla, por un prezo de 3.000 euros, coa intención de utilizala para evitar os efectos da erosión e mitigar a chegada de cinza das zonas incendiadas aos acuíferos a través das choivas. O grupo de goberno tamén recolleu cinco toneladas de estruturante, a materia vexetal triturada, cedida polo Concello de Pontevedra.

Este material utilizarase como medida de urxencia para levar a cabo a "operación mulching", unha técnica que consiste en cubrir o terreo afectado con materia vexetal para reducir o arrastre das cinzas a través da choiva. Este sábado 28 está previsto desenvolver esta actividade. O Concello abriu un prazo para organizar grupos de voluntariado. As persoas interesadas en participar deben chamar á Casa da Cultura de Ponte Caldelas, ao teléfono 986.767.235. O prazo estará aberto ata o venres 27 en horario de 9.30 a 14.00 horas.

Só se vai chamar a un grupo pechado de persoas para que traballen en zonas moi concretas cun coordinador técnico encargado da xestión deste traballo. Recoméndase que os seleccionados utilicen un chaleco reflector como medida de precaución.

O equipo de goberno mantiña nas últimas horas unha reunión técnica para organizar os aspectos técnicos con enxeñeiros forestais. Os tractores para o traslado da palla serán cedidos polos veciños e a Policía Local e a Garda Civil encargaranse de coordinar todo o operativo.

Segundo expón o alcalde Andrés Díaz, actuarase en zonas próximas aos ríos e regachos, principalmente na contorna dos acuíferos que abastencen ás traídas veciñais. En Ponte Caldelas víronse afectadas polos incendios 2.900 hectáreas de monte.

TRASLADO DE QUEIXAS Á XUNTA

O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís, visitaba este martes ao alcalde Andrés Díaz para interesarse polos efectos provocados polos incendios e informar das diferentes liñas de axuda previstas pola Xunta. Actualmente estanse tramitando decenas de reclamacións de veciños afectados e Cores Tourís ofreceuse a enviar un técnico para asesorar neste tema ao persoal municipal.

O alcalde agradeceu a visita pero lamentou que se produciu case 10 días despois do "domingo negro". Ademais, aproveitou para incidir nas súas críticas acerca da falta dun teléfono directo para o alcalde co que contactar co servizo do 112 ou co 085, xa que esa noite non era posible contactar coa central de Emerxencias da Xunta. Tamén reprochou que a Xunta non decretase a situación 2 de alerta para Ponte Caldelas ata as 3 da madrugada cando estaban afectados 25 núcleos de poboación con 8 frontes abertas.

Díaz solicitou a concesión dun novo camión motobomba e agradeceu a colaboración da Consellería de Política Social que reacolleu temporalmente a unha familia na Casa dá Quintán.

FAMILIA SOLIDARIA

Seguen recibíndose mostras de solidariedade en Ponte Caldelas. Nesta ocasión, unha familia madrileña presentábase este martes no Concello co coche cargado de roupa e con comida para animais domésticos. A familia formada por Andrés de la Paz Freire, Sagrario Dégano García e o seu fillo Andrés decidiu pasar as súas vacacións anuais en Ponte Caldelas. Solicitaron axuda en Facebook para os afectados polo lume e comezaron a recibir doazóns. Todo ese material formará parte do mercadiño solidario deste sábado 28 no Pavillón Municipal de Ponte Caldelas.

Tras un encontro co alcalde, comprometéronse a difundir o número da conta solidaria aberta no Banco Pastor: IBAN ES98 0238 8290 7107 0061 5659. As achegas deben realizarse consignándoas como 'Incendios'.

Arquivado en