A operación 'Centinela Gallego' pecha a súa última campaña con máis de 80 avistamentos de incidentes

Pontevedra
01 de outubro 2022

As Forzas Armadas despregaron nesta ocasión un operativo formado por 30 patrullas terrestres e medios aéreos non tripulados do Exército de Terra. As autoridades locais consideran que o balance foi "moi positivo"

Sistemas aéreos non tripulados usados na operación 'Centinela Gallego 2022'
Sistemas aéreos non tripulados usados na operación 'Centinela Gallego 2022'

A operación 'Centinela Gallego 2022' saldouse con máis de 80 avistamentos de incidentes notificados á Xunta de Galicia, segundo informaron desde a Brilat.

As Forzas Armadas despregaron nesta ocasión un operativo formado por 30 patrullas terrestres e medios aéreos non tripulados do Exército de Terra. O obxectivo, indican, "foi realizar labores de vixilancia, disuasión e prevención dos lumes en 33 concellos galegos, repartidos nun total de 7 distritos forestais". As autoridades locais consideran que o balance foi "moi positivo".

A operación iniciouse o 15 de agosto e finalizou o día 01 de outubro co repregamento de todo o persoal, que contou con ao redor de 130 militares ao día, sumando unha contribución final de 350 militares.

Estes percorreron un total de 320.000 quilómetros e realizáronse ao redor de 5.600 patrullas tanto de presenza en municipios e de vixilancia en diferentes observatorios, realizando un total de 11.000 minutos de vixilancia e observación co emprego de sistemas aéreos tripulados de forma remota.

Co despregamento destes medios aéreos non tripulados detectaron e notificaron un total de 28 incidentes relacionados co lume, mesmo se detectaron 7 incidentes en Portugal en zonas próximas á fronteira.

Desde as administracións e autoridades "agradecen a implicación das Forzas Armadas pola súa implicación na loita contra os incendios forestais en Galicia, poñendo en valor o traballo en materia de vixilancia e disuasión da actividade delituosa incendiaria nos montes galegos".