A operación Centinela Gallego da Brilat regresa en agosto confiando en que "se repitan as condicións do ano pasado"

Pontevedra
11 de xuño 2022

O operativo comezará o 15 de agosto e prolongarase ata o 30 de setembro, coa opción de alongarse ata o 15 de outubro "se as condicións meteorolóxicas así o obrigan". Así o avanzou esta semana o xeneral xefe da Brigada Galicia VII, Luís Cortés. A operación comezou no ano 2007 e "foi reducindo o número" de incendios 

Despregamento da Operación Centinela Gallego
Despregamento da Operación Centinela Gallego / Mónica Patxot

A operación Centinela Gallego das Forzas Armadas para a prevención de incendios forestais regresará este verán aos montes galegos. Seguindo o calendario dos últimos anos, o operativo comezará o 15 de agosto e prolongarase ata o 30 de setembro, coa opción de alongarse ata o 15 de outubro "se as condicións meteorolóxicas así o obrigan". 

Así o avanzou esta semana o xeneral xefe da Brigada Galicia VII,  Brilat, Luís Cortés, con motivo da parada militar organizada na base Xeral Trasfogueiro para conmemorar o 56 aniversario da brigada. 

Como en anos anteriores, en Centinela Gallego participarán persoal e medios da  Brilat das súas tres bases en Pontevedra, Asturias e Valladolid e tamén do Terzo Norte de Infantería de Mariña, pertencente á Armada e con sede en Ferrol.

O xeneral Cortés asegurou que "repetiremos este ano" e mostrou a súa confianza en que "se repitan as condicións do ano pasado", pois en 2021 as condicións meteorolóxicas axudaron e os montes galegos non sufriron ondas de incendios como as que si arrasaron a comunidade outros anos. 

Así, o ano pasado a operación "foi bastante boa para os incendios que houbo".  

Respecto diso, o xeneral da  Brilat lembrou que a operación comezou no ano 2007 e "foi reducindo o número" de incendios rexistrados porque "fomos capaces de apagar conatos" e de realizar alerta temperá dos lumes que se estaban iniciando. 

O verán pasado a  Brilat achegou 25 patrullas e o Terzo Norte cinco e despregáronse en 33 municipios segundo o convenio subscrito entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia. Para este verán aínda non se concretaron os detalles de participación e zona a vixiar. 

En 2021, a operación rematou o 30 de setembro tras realizar 30 avistamentos sobre un total de 47 queimas e conatos contemplados pola Xunta de Galicia, coa achega de información relevante en relación a persoas sospeitosas e diverso material incendiario, datos de elevado interese á hora de poder pescudar a orixe deses incendios, así como os posibles responsables dos mesmos.

Durante o mes e medio que estivo activa o ano pasado, a operación despregou ao redor de 100 militares ao día, sumando unha contribución final de 320 efectivos que levaron a cabo ao redor de 1.700 patrullas de presenza e vixilancia e percorreron uns 250.000 quilómetros.

Ademais, realizaron 70 voos co sistema de avión non tripulado, sumando un total de máis de 2.500 minutos de observación.