A fase final de Pontenciencia arrancou este luns. A pandemia da covid-19 impediu que fora coa tradicional Feira da Miniciencia, na que estudantes de primaria e secundaria presentaban os proxectos e experimentos científicos que levaran a cabo nos seus centros ao longo do curso.
De aí que os 22 investigadores do campus universitario da Xunqueira que avaliará todos estes proxectos teñan que percorrer os dezasete centros que participan nesta iniciativa científica para decidir cales deles serán premiados o próximo sábado 5 de xuño.
A entrega destes premios, aos que concorren uns setecentos estudantes de Pontevedra, será nun acto que se celebrará no exterior da Escola de Forestais.
O xurado achegouse neste primeiro día ao CEIP A Xunqueira II, ao CIFP A Xunqueira e ao IES A Xunqueira I para revisar os proxectos do alumnado destes tres centros.
No CEIP A Xunqueira II, ademais de expoñerse os traballos ao xurado, o alumnado de sexto curso participou nun taller de 'Cerámica prehistórica e lume ao longo da historia', no que aprenderon a realizar cerámica prehistórica a través da técnica de 'pinch pot' e a facer lume mediante unha exhibición na que se examinou a súa realización ao longo da historia.
No IES A Xunqueira I tiveron lugar o obradoiro 'Desenvolvemento Web, como funciona o Internet', no que se deu aos alumnos de 4º da ESO a posibilidade de entender como funcionan as páxinas web e que tecnoloxía teñen detrás.
Ademais, o alumnado de 2º da ESO participou en 'A mitoloxía galega: un mundo por descubrir', unha actividade ao redor do patrimonio inmaterial galego na que se abordou dun xeito ameno e accesible o mundo das lendas, os seres míticos e as crenzas da literatura oral; e en 'Laboratorio musical electrónico', un taller sonoro de creación de música electrónica.
Xa pola tarde organizouse un novo obradoiro de 'Cerámica prehistórica' no IES A Xunqueira I e unha charla de Ana Cao no CIFP A Xunqueira titulada 'O xénero nos ollos', sobre a representación da muller na publicidade.
As actividades de Pontenciencia 2021 continuarán este martes no IES Vallé Inclán, no IES Frei Martín Sarmiento e no Centro de Formación y Experimentación Agroforestal de Lourizán.