A Oficina Técnica da Seca (OTS) propuxo este luns decretar a situación de alerta por seca en seis dos 19 sistemas da bacía hidrográfica Galicia-Costa.
O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, indicou que esta situación de alerta será efectiva a partir do próximo venres, cando se reúna o Consello Reitor de Augas de Galicia.
Ademais das seis concas da demarcación, acordouse facer tamén un especial seguimento ás bacías do Lérez e do Ulla, por presentar unha situación desfavorable nos últimos meses
A Oficina Técnica da Seca adopta esta decisión coa finalidade de protexer e mellorar a xestión e uso conxunto de augas superficiais e subterráneas, aforros e limitacións do consumo dos grandes sistemas de abastecemento.
O abastecemento á poboación está garantido incluso naquelas concas que presentan uns niveis por debaixo do 50%.
Rodríguez Martínez avanzou que o consello reitor será quen se ocupe da xestión desta situación, que implicará medidas para a conservación e optimización dos recursos hídricos e para minimizar os posibles efectos sobre os ecosistemas fluviais e as actividades económicas.