A oficina municipal de Turismo de Pontevedra regresará á avenida de Montero Ríos

Pontevedra
27 de agosto 2022

Farao cunha nova caseta que xa se está deseñando e que o Concello espera ter operativa canto antes. Así o asegurou a responsable municipal da área, Yoya Blanco. Ata que ocupe o seu lugar en Montero Ríos estará situada na planta baixa do edificio municipal da Rúa Churruchaos

Turistas nas ruinas de San Domingos
Turistas nas ruinas de San Domingos / PontevedraViva

A oficina municipal de Turismo de Pontevedra regresará á avenida de Montero Ríos. Farao cunha nova caseta que xa se está deseñando e que o Concello espera ter operativa canto antes. Así o asegurou a responsable municipal da área, Yoya Blanco.

A idea é que esta caseta estea preto da veterana oliveira que hai enfronte das Ruínas de San Domingos, aínda que a localización máis adecuada será analizada polos técnicos.

Tras pasar pola Casa da Luz, pola antiga casa do concello e, nestes momentos, polo Palacete das Mendoza pola reforma do edificio da Praza de España, Blanco entende que Montero Ríos será un lugar óptimo para esta oficina turística.

"Necesitamos un punto de información turística alí porque é un lugar neurálxico ao que chegan todos os turistas", sinala a edil socialista.

O arquitecto pontevedrés Víctor Hermo é quen está deseñando esta nova caseta que, a falta de definir os materiais cos que se construirá e que se están testando nestes momentos, será "moderna e intelixente", segundo a dirixente municipal.

O Concello calcula que a nova oficina turística, que estará atendida permanentemente "por unha ou dúas persoas", custará uns 35.000 euros, que serán financiados con fondos propios de Turismo de Pontevedra.

Mentres non se constrúa a futura caseta, a oficina municipal de Turismo de Pontevedra afrontará un novo traslado. Ata que ocupe o seu lugar en Montero Ríos estará situada na planta baixa do edificio municipal da Rúa Churruchaos.

Nos últimos días realizáronse nela unha serie de traballos de mantemento para que as instalacións estean nas mellores condicións posibles para desenvolver a súa actividade de información aos miles de turistas que, ano tras ano, visitan a cidade de Pontevedra.

Para iso, manterá o seu horario de atención ao público, que é de luns a sábado de 9:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas; e domingos e festivos, de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.