A oficina de turismo de Cuntis obtén por primeira vez a distinción Q de Calidade que ven a refrendar o bo facer do servizo de información turística da vila termal.
O galardón foi recollido polo rexedor cuntiense, Manuel Campos, que estivo acompañado pola tenente de alcalde Conchy Campos na gala celebrada en FITUR onde mostrou a súa satisfacción por certificar un servizo que considera fundamental para o concello.
A gala tamén asistiron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, ás que Manuel Campos agradeceu o apoio prestado ao Concello de Cuntis.
A oficina tamén renova por cuarto ano consecutivo o Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) que ten como obxectivo mellorar a experiencia dos turistas no destino. É un proxecto da Secretaría de Estado de Turismo ao que está adherida a Deputación de Pontevedra a través do destino Rías Baixas-Provincia de Pontevedra.
O selo SICTED valora e acredita a calidade de diferentes servizos turísticos e oficios que ven así recoñecido o seu esforzo e compromiso coa calidade. Do mesmo xeito, representa unha vantaxe competitiva e de diferenciación fronte a outros axentes do sector.
O alcalde, Manuel Campos comentou que "somos un municipio turístico que debemos prestar atención aos detalles para que o turismo desfrute do noso destino. E unha maneira de facelo e certificar a calidade do servizo de información a través do selo SICTED e a Q de Calidade". O alcalde trasladou o seu agradecemento aos traballadores da oficina "sen eles non seria posible este galardón".