A oficina de turismo da Xunta intégrase no Palacete das Mendoza

Pontevedra
01 de abril 2014

A deputada provincial e concelleira do PP, Ana Isabel Vázquez, anunciou que "en cuestión de días" o Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acollerá o servizo de información turística que ata agora prestaba a Xunta nunha oficina da rúa Riestra

A deputada provincial e concelleira do PP, Ana Isabel Vázquez, anunciou que "en cuestión de días" o Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acollerá o servizo de información turística que ata agora prestaba a Xunta nunha oficina da rúa Riestra.

Ana Isabel Vázquez fixo o anuncio durante o Pleno da Corporación municipal pontevedresa tendendo a man ao Concello para que tamén integre o seu servizo de información turística da Casa da Luz no emblemático inmoble da avenida de Santa María de Pontevedra.

A concelleira de Turismo, a socialista Carlota Román, declinou a oferta asegurando que "non habería inconveniente en facelo no Palacete das Mendoza se ese edificio cumprise as condicións de accesibilidade, pero non as cumpre, como xa denunciou algunha asociación" de persoas con discapacidade.

Carlota Román avoga porque esta fusión se produza entorno ás oficinas da Praza da Verdura, e explicou que estaba moi avanzada a negociación coa secretaria xeral de Turismo, Nava Castro pero "alguén mandou parar".