A oferta pública de emprego de Pontevedra amplíase con dezaseis prazas máis

Pontevedra
20 de decembro 2021

Ás 28 prazas convocadas ata o de agora dentro da súa última oferta pública de emprego, o Concello de Pontevedra decidiu sumar dezaseis máis. Todas elas, tanto as de acceso libre como as de promoción interna, serán convocadas "proximamente"

Funcionarios municipais no edificio de Michelena 30
Funcionarios municipais no edificio de Michelena 30 / Mónica Patxot

Ás 28 prazas convocadas ata o de agora dentro da súa última oferta pública de emprego, o Concello de Pontevedra decidiu sumar dezaseis máis. Todas elas, tanto as de acceso libre como as de promoción interna, serán convocadas "proximamente".

Así o avanzou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que explicou que estes postos servirán para "reforzar" a administración e "modernizar" o seu funcionamento.

As prazas de promoción interna, reservadas para persoas que xa estean a traballar no Concello, serán dous de técnico medio da administración xeral, un oficial condutor mecánico, dous oficiais electricistas, un oficial de xardinería e un oficial de obras.

As outras nove, pola súa banda, sairán a concurso-oposición de acceso libre.

Son dous subalternos da administración xeral, dous traballadores sociais, un bombeiro condutor, dous policías locais e dous oficiais electricistas.