Os conselleiros de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron este luns un convenio de colaboración para impulsar e potenciar a Formación Profesional no ámbito sanitario en centros do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
A sinatura deste acordo tivo lugar no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Montecelo onde, segundo Román Rodríguez "a idea que temos dende a Xunta de Galicia é concentrar a oferta formativa da área sanitaria de Pontevedra neste CIFP de Montecelo" pola súa "tradición formativa" e tamén pola súa proximidade ao novo Gran Montecelo.
Román Rodríguez destacou a importancia da colaboración entre a sanidade e a educación xa que "canta máis interacción teñamos entre os formadores, en neste caso os empregadores, pois mellor poderemos ter un servicio sanitario de calidade".
En relación a este convenio sinalou que "é unha moi boa línea de colaboración" que redunda no alumnado "porque se dán máis oportunidades" e tamén nos servizos educativo e sanitario.
Pola súa banda, Julio García Comesaña manifestou que na súa Consellería "estamos encantados de que este centro integrado se oriente hacia a parte sanitaria, hai un enorme potencial de formación, de coñecemento e tamén de emprego".
Comesaña incidiu en que "os estudios de FP, os técnicos superiores ou de grado medio, son a parte fundamental" dos 43.000 traballadores que ten o Sergas xa que xoga un papel "cada vez mais importante no ámbito especialmente do diagnóstico".
Puxo como exemplo de actividades nas que non que se pode traballar sen profesionais como os técnicos superiores o ámbito da anatomía patolóxica, a bioloxía molecular, ou técnicas como a secuenciación masiva, ADN, xenómica, o diagnóstico pola imaxe coa resonancia magnética a tomografía axial computerizada, o PEC, ou tamén no ámbito do tratamento os aceleradores lineais ou a protonterapia.
Pero tamén incluiu nestes exemplos a "eses profesionales que están colaborando administrativamente coa parte sanitaria".
A formación dual, dixo o conselleiro de Sanidade, "é un incentivo adicional a eses rapaces que se queren formar para traballar con nós".