A ocupación hoteleira superou o 86,5 % no conxunto da provincia no mes de agosto

Pontevedra
12 de setembro 2023

O presidente da Deputación anuncia un "novo comezo" para o Observatorio de Turismo Rías Baixas á hora de presentar os datos, que contarán co aval dos profesionais do sector e a seriedade e oficialidade do Instituto Nacional de Estatística

O presidente da Deputación presentou os datos turísticos do mes de agosto
O presidente da Deputación presentou os datos turísticos do mes de agosto / Deputación de Pontevedra

A ocupación hoteleira superou o 86,5 % no conxunto da provincia de Pontevedra no mes de agosto, o que supón medio punto máis que o mes de agosto do 2022 (85,9%), segundo informou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, nun acto celebrado este martes no Real Club Náutico de Sanxenxo.

A demanda nos albergues tamén experimentou un destacado crecemento, cunha ocupación media do 85,5% no conxunto da provincia fronte ao 83,4% do mes de agosto do ano anterior. 

A ocupación dos cámpings e das casas de turismo rural superaron o 85% no conxunto da provincia, mentres que no caso das vivendas turísticas superou o 93%. 

Luis López remarcou tamén que no que vai de ano son máis de 112.000 os peregrinos que camiñaron cara Compostela pola provincia de Pontevedra. O Camiño Portugués da Costa medrou un 22 % respecto ao ano 2022.

Os castelos de Soutomaior e Sobroso, dependentes da Deputación de Pontevedra, rexistraron máis de 8.000 e 1.800 visitantes respectivamente no mes de agosto.

O presidente provincial asegurou que estes positivos datos de turismo da campaña de verán "sitúan a provincia como unha potencia turística de primeira orde". 

"Somos potencia en turismo rural, na rede de albergues, nos cámpings e en vivendas turísticas", remarcou o presidente, que estivo acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o presidente do Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo (CETS), Alfonso Martínez e representantes do sector.

"NOVO COMEZO" PARA O OBSERVATORIO DE TURISMO

O presidente provincial tamén anunciou un "novo comezo" para o Observatorio de Turismo Rías Baixas, que emprende un camiño cara unha "maior transparencia, rigorosidade e interlocución co sector" ofrecendo uns datos que "combinarán a seriedade e a oficialidade do Instituto Nacional de Estatística co coñecemento no terreo do sector". 

Luis López avanzou a creación dunha rede de destinos intelixentes que enviarán en tempo real os datos de ocupación ao Observatorio de Turismo Rías Baixas. O estudo destes datos servirá para "deseñar plans e accións concretas que permitan seguir crecendo e mellorando estas cifras dun xeito controlado e planificado", explicou o dirixente.

PERFIL DO VISITANTE

O perfil das persoas que escollen a provincia de Pontevedra como destino vacacional e o dun turista principalmente nacional (83%), de entre 35 e 60 anos (55%), que se queda entre 7 e 15 días de media e que, na súa gran maioría, non coñecía este destino con anterioridade (76%).

O presidente da Deputación de Pontevedra mostrou o seu convencemento de que "aínda non tocamos teito" polo que animou a todo o sector a "seguir traballando e seguir derrubando barreiras" xa que cre que "podemos atraer todavía máis ao turista internacional e podemos diversificar aínda máis a nosa oferta, pero sen renunciar á sustentabilidade".