A novena edición de Pontenciencia, o proxecto impulsado polo Concello de Pontevedra, coa colaboración da Universidade de Vigo, e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), do Ministerio de Ciencia e Innovación, xa coñece aos seus gañadores en todas as modalidades.
Nesta ocasión, preto de 500 estudantes de 5º e 6º de primaria de dez colexios pontevedreses presentaron os seus proxectos científicos ao longo destes últimos meses para, finalmente, dalos a coñecer no evento final, celebrado o venres na Escola de Enxeñaría Forestal, a Feira da Miniciencia.
Durante a mañá, a profesora da Escola de Enxeñería Forestal Purificación Marcet avaliou os 18 proxectos centrados na categoría Ciencia no cole, onde participaron estudantes dos CEIP Santo André de Xeve, San Martiño, Froebel, Marcón, Ponte Sampaio, San Benito de Lérez e A Xunqueira II, así como dos CPR Calasancio, Sagrado Corazón de Pontevedra e Sagrado Corazón de Placeres.
Xa na tarde, a Feira da Miniciencia continuou coa presentación dos 13 proxectos que optaron aos premios Homenaxe á muller investigadora, patrocinados polas empresas Hifas da Terra, Viaqua, Setga, Marine Instruments e Cristalería Pontevedresa.
A estes premios optaron estudantes dos institutos Luís Seoane, Frei Martín Sarmiento, A Xunqueira II, Montecelo, Torrente Ballester e Valle Inclán, o CPR Sagrado Corazón de Placeres, o CIFP Carlos Oroza e do CFEA de Lourizán.
Unha vez realizada a votación do xurado, durante a mañá deste sábado 28 procedeuse ao acto de entrega de premios e diplomas na propia EU Forestal.
Os premios a Xoves Investigadores foron para Mateo Budiño Rodríguez do IES Valle Inclán pola súa investigación 'Pontevedra é boa vila, dá de beber a quen pasa' o IES Gonzalo Torrente Ballester pola súa investigación 'Unha horta eléctrica. Estudo das pilas de combustible microbianas' e 'Aproveitando ata a última pinga!' o CIFP Carlos Oroza pola súa investigación 'O sano tamén esta rico' e por último o CFEA Lourizan por 'Estudo sobre a dieta da Vespa velutina'.
No caso dos gañadores Ciencia no Cole en Primaria, gañaron o accésit Antonia Ferrín Moreiras o CEIP Froebel coa investigación 'A produción de sementes nas froitas segundo a estación' o Daría González García foi para o CPR Sagrado Corazón de Pontevedra con 'Mulleres á rúa!' o accésit Francisca Herrera Garrida o gañou o CEIP Marcón con 'A auga, un recurso limitado', o Xosefa Iglesias Vilarelle o gañou CPR Calasancio con 'Acidez e conductividade' o premio Olimpia Valencia López foi para o CPR Sagrado Corazón de Placeres con 'Sinte Pontevedra' o María Barbeito Cerviño, o CEIP A Xunqueira II con 'Azucre nos iogures' e o Concepción Arenal Ponte o gañou o CEIP Santo André de Xeve con 'As sementes movedizas'.
Por último, a familia gañadora do premio Ángeles Alvariño foi para Nove de Sete do CEIP Campolongo pola súa investigación titulada '40% da nosa vida en pandemia' o premio Maruja Mallo o gañou a familia Otero Iglesias do CEIP Campolongo pola súa investigación titulada 'Marcas brancas ¿si ou non?' e, finalmente, o premio Marie Curie o levou a familia Jáudenes Rodríguez do CEIP Campolongo pola súa investigación titulada 'Lixo mariño'.