A falta dos últimos retoques, as obras para renovar o espazo ao carón do Gafos situado entre as rúas Rosalía de Castro e Tablada están practicamente rematadas.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou este mércores esta actuación, que incluíu a construción dunha nova pasarela metálica que une ambas as dúas beiras do río.
A estes traballos, adxudicados á empresa COVSA por case 496.000 euros, apenas lle falta sementar o céspede das zonas verdes e a plantación das distintas árbores.
"Con esta obra lógrase a recuperación dunha zona que estaba certamente illada dos cidadáns, sen un acceso público doado e que agora quedará como unha zona de estancia para a veciñanza do lugar", indicou Fernández Lores.
Esta mellora ambiental, que está financiada con fondos europeos FEDER, incluíu a instalación de novo mobiliario urbano, a recuperación do vello arco de pedra sobre o río Gafos que, tras o cambio da pasarela, quedou ao descuberto.
O goberno municipal asegura que esta zona abrirá á cidadanía nos próximos días, ofrecendo un novo espazo á veciñanza da zona. "Agardamos que isto se faga canto antes, nunha semana ou en dez días", subliñou o alcalde.