"O rexurdimento definitivo de Lourizán e de todo o que supón comeza hoxe, 31 de xullo do ano 2023". Así remataba este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a súa intervención nun día histórico para este pazo pontevedrés.
O mandatario autonómico presidiu o acto de presentación das labores de restauración e deseño de novos usos e actividades do Pazo que vai levar a cabo a Xunta, no que se desvelou que se vai realizar unha rehabilitación "rigorosa" respectando a riqueza cultural e patrimonial.
Nesta nova etapa, a Finca de Lourizán terá seis usos: "divulgación, restauración, xestión, oficinas, aloxamento e apoio", tal e como desvelou o arquitecto Manuel Rodríguez López, coordinador da Fundación Ría, constituida polo famoso arquitecto David Chipperfield.
Esta Fundación realizou un traballo inicial para definir eses futuros usos do Pazo e apostou por combinar nestas instalacións un uso con fins turísticos e outro máis vencellado ao sector forestal, para o estudo, divulgación e investigación.
Sobre os usos turísticos, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, sinalou que se vai rehabilitar para que albergue unha zona de aloxamento con 20 cuartos, tamén un establecemento de restauración e estea preparado para recibir visitas, para que "os cidadáns poidan descubrir este tesouro", este edificio "cheo de historia e patrimonio".
O pazo, segundo Merelles, agárdase que poida "xerar recursos propios para contribuír ao seu mantemento". A iso contribuirá a construción dunha sala polivalente de madeira nun novo inmoble de madeira para sala de conferencias.
A Xunta de Galicia xa anunciara que neste proxecto vaise facer un investimento inicial de 17,8 millóns de euros e este luns falaron, por primeira vez, de prazos. En setembro pretenden sacar a licitación o Concurso de Ideas convocado para definir o futuro do Pazo.
Unha vez resolto o Concurso de Ideas, vanse poder concretar tamén o resto de prazos das obras, pero, de momento, Alfonso Rueda adiantou que o seu obxectivo é que antes de que remate o vindeiro ano, 2024, as obras estarán iniciadas.
A partir da presentación deste luns, "poñémonos a traballar en serio", explicou Rueda, con "ideas, proxectos ben definidos e recursos orzamentarios" para rematar este proxecto que confía en que "vai dar vida a toda Pontevedra" e no que o Pazo vai ter "sentido histórico, cultural, turístico e paisaxístico".
A actuación da Xunta non só suporá a restauración "necesaria e rigorosa" do edificio principal, senón que actuará tamén no xardín botánico, "un tesouro como hai poucos en España e Europa", en palabras de Rueda.
Jacobo Aboal Viñas, director da Axencia Galega da Industria Forestal da Consellería de Medio Rural, insistiu na contorna "inigualable" de Lourizán e sinalou que esta nova etapa suporá "afondar" no seu uso vencellado ao sector forestal.