A nova Oficina de Transformación Comunitaria do polígono de Barro, en proceso

Pontevedra
14 de maio 2024

Javier Tourís acaba de supervisar as actuacións que se están a acometer no recinto onde se situará a oficina. O espazo contará cunha zona de oficinas de 85 metros cadrados con sete postos de traballo totalmente amoblados e equipados, así como unha sala de reunións e outra multiusos onde se poden organizar e celebrar eventos

Futura Oficina de Transformación Comunitaria do polígono de Barro
Futura Oficina de Transformación Comunitaria do polígono de Barro / Deputación de Pontevedra

A Oficina de Transformación Comunitaria do polígono de Barro está máis preto. A Deputación de Pontevedra prepara as instalacións do Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro para acoller este novo servizo. 

Desde esta nova Oficina prestaranse os servizos de difusión, acompañamento e asesoramento gratuíto para impulsar a creación de comunidades enerxéticas nos concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes.

O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e Finca Areeiro, Javier Tourís, acaba de supervisar as actuacións que se están a acometer no recinto onde se situará a oficina.

O espazo contará cunha zona de oficinas de 85 metros cadrados con sete postos de traballo totalmente amoblados e equipados, así como unha sala de reunións e outra multiusos onde se poden organizar e celebrar eventos. Ademais deste espazo fixo, a Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación contará tamén cunha oficina móbil, para dar a coñecer a súa labor e prestar os seus servizos en toda a xeografía da provincia de Pontevedra.

Coa Oficina de Transformación Comunitaria a Deputación de Pontevedra pretende impulsar a posta en marcha de comunidades enerxéticas na provincia.

Prestarase un servizo gratuíto tanto a persoas físicas, como a pequenas e medianas empresas, administracións locais, comunidades de montes, grupos de acción costeira, grupos de desenvolvemento rural ou calquera outra entidade análoga que desexe crear estas comunidades.