A nova Facultade de Enfermaría dá os "últimos pasos" coa vista posta no curso 2024-2025

Pontevedra
27 de abril 2023

Así o afirmaba este 27 de abril no Pazo Provincial de Pontevedra Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, no encontro que tivo con Carmela Silva, presidenta da Deputación, e con Miguel Piñón, director da Escola de Enfermaría, para abordar a proposta da creación dunha Facultade de Enfermaría

Rolda de prensa sobre a nova Facultade de Enfermaría
Rolda de prensa sobre a nova Facultade de Enfermaría

O proxecto de creación dunha Facultade de Enfermaría no marco da Universidade de Vigo está "dando os últimos pasos".

Así o afirmaba este 27 de abril no Pazo Provincial de Pontevedra Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, no encontro que tivo con Carmela Silva, presidenta da Deputación, e con Miguel Piñón, director da Escola de Enfermaría, para abordar a proposta da creación dunha Facultade de Enfermaría.

Durante a cita, a presidenta lembrou que o claustro da Universidade vén de aprobar o acordo entre os tres campus, Pontevedra, Vigo e Ourense, para levar a cabo o proxecto. Ao respecto, Silva afirma convencida que "sabía que isto chegaría a ser unha realidade".

Malia que aínda quedan procedementos administrativos, a presidenta apunta que a nova facultade comezará a funcionar no curso académico 2024/2025. A Deputación financiará o proceso ata o final e porá "unha alfombra vermella" para facilitar o transcurso do proxecto, que será un "ben común" para todos . 

A creación da facultade permitirá que os tres centros públicos de ensinanzas universitarias de enfermaría pasen a depender da Universidade de Vigo. O cambio será favorable porque "o profesorado e o alumnado van a ter moitísima máis calidade educativa" tanto en contidos como en calidade humana, apunta Silva. 

Ao respecto, Reigosa afirma que este procedemento "corríanos présa" e que xa están a traballar na implantación dun Máster de Enfermaría para que a nova facultade "non teñá só o grao senón tamén o mestrado". O reitor explica que aspiran a ter un programa de doutoramento e obter así "todos os títulos posibles para a formación de enfermeiros e enfermeiras da máxima calidade".

As sedes da futura facultade aínda non están claras. A docencia sanitaria seguirá impartíndose nos actuais hospitais universitarios, no Hospital Provincial no caso da cidade de Pontevedra, e "curso a curso" irase incorporando aos novos espazos dos tres campus. Reigosa recoñece que para a Universidade "sería excelente" contar cunha zona no centro da cidade pero non quere adiantar cal será a ubicación final. "Non é o momento de falar diso", concluíu. 

A presidenta e o reitor coinciden en que a prosperidade do proxecto é posible grazas á vontade das institucións implicadas.