A nova edición de 'Pontenciencia' converterá o campus nunha exhibición de talento escolar e nunha homenaxe á muller investigadora

Pontevedra
23 de maio 2022

A novena edición da feira da miniciencia de Pontevedra, 'Pontenciencia', celebrarase durante este venres 27 e este sábado 28 de maio na Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra coa participación de 19 centros educativos e 12 familias en tres bloques de traballo: 'Ciencia no cole' na mañá do venres, 'Xoves investigadores' na tarde do venres e 'Ciencia en familia' na sesión da mañá do sábado

Jorge Soto, Tino Fernández e Santos Héctor presentan 'Pontenciencia' 2022
Jorge Soto, Tino Fernández e Santos Héctor presentan 'Pontenciencia' 2022 / Diana Eiras

A novena edición da feira da miniciencia de Pontevedra, 'Pontenciencia', celebrarase durante este venres 27 e este sábado 28 de maio na Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra e, nesta ocasión, ademais de converterse nun lugar no que o alumnado pontevedrés amose o seu talento científico, tamén servirá para render homenaxe á muller investigadora. 

'Pontenciencia' 2022 dividirá a súa programación entres grandes bloques de concursos coa participación de 19 centros educativos e 12 familias: 'Ciencia no cole' na mañá do venres, 'Xoves investigadores' na tarde do venres e 'Ciencia en familia' na sesión da mañá do sábado.

Será na tarde do venres cando teña lugar esa homenaxe á muller investigadora, pois, en realidade, trátase duns premios de investigación pensados para alumnado de educación secundaria que se concibiron como unha homenaxe a través da entrega de cinco galardóns. Participan 9 centros educativos que presentan 13 investigacións, o IES Luís Seoane, Frei Martín Sarmiento, A Xunqueira II, Montecelo, Torrente Ballester e Valle Inclán, o CPR Sagrado Corazón de Praceres, o CIFP Carlos Oroza e o CFEA de Lourizán.

Estes premios buscan incentivar as vocacións investigadoras, a creatividade e o enxeño entre os máis mozoss, así como para facer visible o esencial papel das mulleres investigadoras. O deputado Santos Héctor destacou que se trata dunha iniciativa "importantísima" porque na actualidad "faltan eses referentes de investigadoras" e o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, que "hai moitas mulleres investigadoras con moito talento moi pouco recoñecidas" que hai que axudar a que teñan visibilidade. 

Ademais, dez colexios de primaria da cidade participarán no certame na modalidade de 'Ciencia no Cole' con 18 investigacións. Trátase de proxectos de investigación experimentais e documentais por parte dos alumnos dos centros de ensino CEIP Santo André de Xeve, San Martiño, Froebel, Marcón, Ponte Sampaio, San Benito de Lérez e A Xunqueira II e os CPR Calasancio, Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra e Sagrado Corazón de Praceres.

A mañá do sábado será familiar, coa presentación de proxectos de investigación de 12 familias con alumnos de Primaria de 7 a 12 anos.

Tino Fernández presentou este luns a nova edición do certame acompañado polo deputado provincial Santos Héctor; o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto; e representantes das empresas colaboradoras desta feira da ciencia: Marine Instrument, Viaqua, Setga, Hifas da Terra e Cristalería Pontevedresa.

As coordinadoras da iniciativa, Saleta González Pimentel e Vanesa Estévez, recibiron palabras de agradecemento de todos os asistentes, que tamén quixeron agradecer a contribución das empresas colaboradoras. 

Ademais, Jorge Soto ve na feira "un acontecemento moi importante para a cidade e para o campus" e Santos Héctor unha "aposta por todo este talento e coñecemento que temos en Pontevedra e que refrendan a Universidade de Vigo e o compromiso das empresas privadas colaboradoras.

Esteban Sinde, director de investigación de Hifas da Terra, destacou, neste mesmo senso, a cantidade de investigadores e inventores "de alto prestixio" que existen en Galicia e que, na súa calidade de empresa de biotecnoloxía, "valoramos moitísimo". Segundo o Informe AseBio da Asociación Española de Bioempresas, Galicia é a segunda rexión española máis bioemprendedora, pois das 56 novas empresas dedicadas á biotecnoloxía creadas en 2020, 16 foron de Cataluña e 10 de Galicia