Este 24 de outubro é o Día Mundial da Loita contra a Polio. Unha data que para o Rotary Club ten un especial sentido. "Esta é unha das organizacións mundiais que seguen loitando pola erradicación da polio", manifestaba Maika Solla, a presidenta do Rotary Club Pontevedra, tras o encontro que a nova directiva do club local mantivo co alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores.
Solla explicaba que a poliomielite é unha enfermidade discapacitante e potencialmente mortal causada por un virus que se transmite na maior parte dos casos a través de augas contaminadas e afecta especialmente aos menores de 5 anos. Engadía que en Europa se considera erradicada, cualificación que se dá cando durante tres anos consecutivos non se rexistra ningún caso. Por iso, os esforzos dos rotarios miran agora cara a Paquistán e Afganistán, os únicos países do mundo onde a enfermidade segue a ter alta prevalencia.
A través da organización de eventos e a doazón dos colaboradores o Rotary Club, con presenza en 200 países, fináncianse este tipo de accións. Maika Solla relataba que na actualidade forman esta organización trinta e tres mil clubs, entre eles o de Pontevedra, que está integrado por 18 rotarios.
Na cidade e a súa contorna realizan diferentes proxectos, como charlas divulgativas en centros escolares con deportistas de élite para motivar á mocidade en risco de exclusión social. A estes súmanse as accións a nivel internacional: campañas para promover a saúde materno infantil, o saneamento das augas, a alfabetización, o desenvolvemento de comunidades ou a erradicación de enfermidades, entre outras.
NOVA DIRECTIVA EN PONTEVEDRA
O alcalde de Pontevedra recalcou o seu compromiso coas iniciativas desta organización internacional e, especialmente, nesta data, na loita contra a poliomielite.
Miguel Anxo Fernández Lores puido coñecer á directiva do Rotary Club Pontevedra, que se estreaba o pasado mes de xuño. O rexedor destacaba o feito de que por primeira vez nos 35 anos de traxectoria do club na cidade, a presidencia e directiva estea integrada por mulleres. "Dámoslle a benvida ao Concello con moita ilusión e alegría pois tanto a presidenta, Carmen Solla, como a vicepresidenta, Mariola Ramírez, e a secretaria do colectivo, Esperanza Casal, son mulleres", sinalaba Fernández Lores.
A directiva do Rotary Club Pontevedra tamén era recibida polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, quen recoñeceu o traballo que está a realizar o Rotary Club Pontevedra para loitar contra a enfermidade da poliomielite.