Ata quince millóns de euros cederá a empresa Ence á Xunta de Galicia para colaborar no financiamento do proxecto de ampliación da depuradora de Praceres, confirmado recentemente polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.
Así o acordaron este xoves o conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, na xuntanza que ambos mantiveron en Santiago de Compostela.
Este investimento, que se sumará ao que fará o propio goberno galego -outros 15 millóns de euros- detallarase posteriormente nun convenio de colaboración que asinarán ambas partes e no que se establecerá o cronograma das actuacións e dos pagamentos.
Este encontro forma parte dos contactos que está a manter o goberno autonómico coa empresa e que teñen como obxectivo, segundo sinala a Xunta nun comunicado, vixiar o cumprimento estrito de todos os compromisos adquiridos por Ence para a súa factoría de Pontevedra, unha vez concedida a prórroga para continuar en Lourizán ata 2073.
Entre outros aspectos, a Xunta tiña reclamado un maior compromiso e axilidade en materia ambiental, especialmente no eido da depuración. Ademais, Beatriz Mato recordou o compromiso de Ence, incluído na solicitude de prórroga, de investir na posta en marcha dunha nova depuradora para as súas instalacións na factoría de Lourizán.
A reunión tamén serviu para seguir avanzando na concreción doutros compromisos que a empresa incluíu na súa solicitude de prórroga como as melloras na propia planta para seguir impulsando a redución de emisións.
A ampliación da depuradora de Praceres está recollida no Plan de Saneamento de Pontevedra, no que se inclúe a redacción dun anteproxecto para esta nova EDAR.
Este plan será adxudicado este mesmo mes, polo que os traballos de redacción do mesmo iniciaranse de inmediato unha vez estea asinado o contrato coa empresa adxudicataria, segundo avanza a propia Xunta de Galicia.