A nai das nenas de Moraña inicia unha campaña para que o seu asasino cumpra toda a condena

Umia
13 de xullo 2017

Rocío Viéitez, nai das dúas nenas asasinadas en Moraña, iniciou unha campaña en redes sociais para esixir que o autor do parricidio, David Oubel, non saia de prisión antes de tempo e cumpra íntegra a súa condena de prisión permanente

David Oubel, o parricida de Moraña
David Oubel, o parricida de Moraña / Mónica Patxot

Rocío Viéitez, nai das dúas nenas asasinadas en Moraña, iniciou unha campaña en redes sociais para esixir que o autor do parricidio, David Oubel, non saia de prisión antes de tempo e cumpra íntegra a súa condena de prisión permanente.

A través dunha páxina que abriu en Facebook, a muller anuncia que promoverá unha recollida de firmas para que os grupos políticos que manifestaron a súa intención de derrogar a prisión permanente revisable, pena imposta ao parricida de Moraña, non a anulen.

A prisión permanente do parricida non se revisará, en todo caso, antes dos 25 anos. Pero se se acorda a súa derrogación, David Oubel podería pasar ao sistema xeral, polo que podería chegar a saír de prisión moito antes, aos doce anos segundo apuntan fontes xurídicas.

"O asasino de Candela e Amaia condenado a esta pena debe cumprir toda a súa condena xa que se axusta aos seus actos", asegura a nai das nenas, que pide que "non se olvide ás vítimas".

Rocío Viéitez, que ata agora optara por manterse á marxe do balbordo mediático, afirma estar a preparar "todos os medios" para solicitar que se manteña a prisión permanente en España "e necesito a vosa axuda para exercer presión".

Así, pide a colaboración cidadá para que esta campaña teña éxito, "por elas e por min". 

"Rógovos empatía para comprender desde a nosa perspectiva e que o difundades para que esa pena se manteña", conclúe a súa mensaxe en Facebook.

Ademais, noutra publicación que escribiu días despois da sentenza, a nai de Candela e Amaia tamén quixo agradecer "o respecto, a empatía, a solidariedade e o agarimo" que recibiu ao longo de case dous anos, especialmente por parte dos veciños de Moraña e Campo Lameiro "por demostrar que son persoas que merecen a pena" e apoiar a decisión da familia de "non mercantilizar a violencia".

Arquivado en