A nai das nenas asasinadas en Moraña carga contra Feijóo por dicir que se un pai mata os seus fillos "non é violencia machista, é intrafamiliar"

Umia
18 de marzo 2022

Asegura que a súa situación "é distinta" á violencia intrafamiliar e engade que este é un termo para "disfrazar" e non recoñecer á violencia machista que sofren as mulleres. Tras reiterar que o seu "foi violencia de xénero" e quen non estaba recoñecida como vítima "era eu", Rocío Viéitez sostén que "ese exemplo sobraba"

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia / Mónica Patxot

Rocío Viéitez, a nai das dúas nenas asasinadas polo seu pai en Moraña en 2015, considera un "despropósito" as declaracións realizadas onte por Alberto Núñez Feijóo nas que asegurou que se un pai mata os seus fillos "non é violencia machista, é intrafamiliar".

"Hai algún tempo tivemos que sufrir (en Galicia) o asasinato por parte dun pai, que tiña problemas coa súa parella, e asasinou aos seus dous fillos: iso non é violencia machista, é intrafamiliar", dixo Núñez Feijóo sen especificar o caso ao que aludía. 

Aínda que posteriormente o presidente galego matizou as súas declaracións a través de Twitter, afirmando que para casos como ese Galicia modificara a lei para recoñecer a violencia vicaria como violencia machista, a nai das menores deuse por aludida.

En resposta a esta mensaxe do candidato para liderar o PP nacional, Rocío Viéitez lembrou que "como nai desas nenas que menciona" está recoñecida como vítima da violencia vicaria "tras máis de seis anos no limbo e sen dereitos".

Asegura que a súa situación "é distinta" á violencia intrafamiliar e engade que este é un termo para "disfrazar" e non recoñecer á violencia machista que sofren as mulleres.

Tras reiterar que o seu "foi violencia de xénero" e quen non estaba recoñecida como vítima "era eu", Viéitez sinala que Núñez Feijóo "non pode matizar agora" o dito sobre o seu caso e sostén que "ese exemplo sobraba".

Ademais, a muller recrimina ao presidente da Xunta o uso da primeira persoa do plural para falar dos asasinatos das súas fillas.

"'Sufrimos'? En serio? Violencia de xénero. Punto", sentencia a proxenitora das nenas asasinadas en Moraña polo seu pai, David Oubel, o primeiro español que foi sentenciado á pena de prisión permanente revisable.