Comezou o Entroido pontevedrés e fíxoo da man dun personaxe habitual nestas festas, Manuel Cabada, liderando á murga PTV e enchendo de bo humor a praza da Ferrería, lugar que acollía por primeira vez a lectura do pregón deo Entroido. Desta forma, o numeroso público e as comparsas que participaron neste arranque festivo contaron con espazo suficiente para seguir o acto.
O Rei Urco subiu ao palco para dar entrada ao ambiente festivo que marcaba o cortexo que percorreu a rúa Michelena con redobres de tambores e o colorido das comparsas Solfamidas de Campo Lameiro, Os Canecos de Poio, Os Paparrulos de Marín e Las Flores de Carnaval. Urco entregou o estandarte ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e á concelleira de Festas, Carme da Silva.
A continuación, a murga PTV, cos membros vestidos de presidiarios, interpretou o vibrante Bienvenidos con Manuel Cabada exercendo dun Miguel Ríos que cantaba: "Anímovos a disfrutar do mellor Entroido que vai comezar". E así comezaba o pregoeiro a súa intervención, destacando o entroido pontevedrés como "o máis senlleiro do mundo". Despois, Cabada fixo referencia a persoas relacionadas con estas festas, entre elas, Miguel Álvarez, compañeiro "murgueiro" que faleceu recentemente.
O pregoeiro fixo un repaso á súa relación co Entroido, desde os inicios na discoteca Shiva cando subían varios a unha moto e percorrían a rúa César Boente ata as súas últimas intervencións nas murgas. Cabada non tivo reparos en pedir ao alcalde que subise, de novo, ao palco para disfrazalo: "Na Feira Franca vai de guerreiro, de Rei... e aquí non ven disfrazado", recriminoulle entre bromas para que os seus compañeiros colocásenlle unha perruca e un traxe que Lores tomou con bo humor.
Manuel Cabada lembrou as cancións que os PTV dedicaron a personaxes de Pontevedra como Antonio Reguera, Petete, Rafa Pintos Vladimir, Gerardo Lorenzo ou o encargado da organización das festas, José Sarandeses.
O pregón terminou cunha versión do clásico Soy minero de Antonio Molina que, baixo a interpretación dos PTV, converteuse en Soy murguero, acompañada polas palmas do público. Cun "Viva o Entroido de Pontevedra", Cabada daba paso a unha semana chea de bo humor, festa e diversión.