A Mourente represaliada no 36 recibe unha merecida homenaxe

Pontevedra
07 de outubro 2018

O local social de Cons, na antiga escola, foi escenario dunha xornada de recordo na parroquia do municipio que máis relevancia política alcanzou durante o primeiro terzo do Século XX

Homenaxe á Mourente represaliada no 36
Homenaxe á Mourente represaliada no 36 / Diego Torrado

O local social de Cons, na antiga escola, foi escenario dunha xornada de recordo en memoria do Mourente represaliado no ano 36.

Esta foi a parroquia do municipio que máis relevancia política alcanzou durante o primeiro terzo do Século XX. De feito un veciño, Manuel Portela Valladares, chegou a ser presidente da II República e o seu irmán por parte de pai, Heraclio Botana, foi deputado nas Cortes e fundador xunto a José Araújo, tamén nacido en Mourente, do Partido Socialista en Vigo.

Ademais no momento do alzamento militar dous veciños ostentaban a responsabilidade dunha dirixir unha alcaldía, Severino Couto 'O Canteiro' en Ponte Canedo (anexionado posteriormente a Ourense) e Manuel García Filgueira no de Pontevedra.

Todos eles pagaron a súa fidelidade á República xa que Botana foi fusilado, igual que o fillo de José Araújo, Couto foi encarcerado, Portela Valladares morreu no exilio e García Filgueira estivo escondido ata 1949.

O acto deu continuidade aos organizados pola concellería de Patrimonio e Memoria Histórica en Salcedo e Lérez, e contou cun recordo especial para as mulleres, a miúdo esquecidas entre as vítimas. Así, falouse das que sufriron a represión directa, como a compañeira de García Filgueira, Emma Mourón, que foi encarcerada con Carlos, o seu fillo máis pequeno; ou como Otilia Meis, tamén encarcerada tras o asasinato do seu pai, Ramón Meis.

Tanto as súas historias individuais como a represión colectiva que supuxo a queima en agosto de 1936 do local da Sociedade de Agricultores, a 'Casa do Pobo', están recollidas nunha publicación elaborada polo equipo do programa "A memoria das mulleres" da concellería de Patrimonio, que foi entregada de balde a todas as persoas asistentes.

Por último descubriuse nas escola de Cons un panel con datos relevantes sobre a represión sufrida polos veciños de Mourente.