A Moureira, o eixo do BNG para recuperar a fachada marítima entre Bos Aires e Rosalía de Castro

Pontevedra
09 de maio 2023

Ata o Monte do Taco foi este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para presentar o plan que deseñou o BNG para recuperar a fachada marítima e fluvial de Pontevedra, unha actuación que estaría vinculada coa tradición mariñeira da cidade

O BNG presenta o seu proxecto para A Moureira
O BNG presenta o seu proxecto para A Moureira / Mónica Patxot

Ata o Monte do Taco foi este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para presentar o plan que deseñou o BNG para recuperar a fachada marítima e fluvial de Pontevedra, unha actuación que estaría vinculada coa tradición mariñeira da cidade.

Este proxecto, segundo debullou Fernández Lores, "mira cara ao futuro pero cos pés ben chantados na historia de Pontevedra" para mellorar a conexión da cidade cos ríos e a súa ría, recuperar a memoria da xente do mar e ofrecer aos seus residentes más calidade de vida.

A primeira das liñas de traballo reúne actuacións para avanzar na conexión entre Pontevedra e os ríos Gafos e Lérez da vila e a ría, comezando coa reforma integral da avenida de Bos Aires, que incluiría a cabeceira sur da ponte do Burgo "permitindo achegar a cidade á beira do río Lérez". 

Ademais, tamén se contempla a reforma integral da rúa de San Roque, conectando a Alameda co porto das Corbaceiras, que está nun estado "substancialmente mellorable" desde o punto de vista da accesibilidade e da calidade urbana.

O remate do paseo peonil entre Pontevedra e Marín e o novo vial de Mollavao, actuación que se completaría coa reforma integral prevista na rúa Rosalía de Castro, son outras das propostas.

No ámbito da recuperación da historia da Moureira e da Pontevedra mariñeira, o alcalde recoñece que "non vai ser posible" recuperar os peiraos que están debaixo da avenida, pero o BNG aposta por musealizar os restos arqueolóxicos de Valentín García Escudero.

A isto, Lores sumou a dragaxe do río Lérez "para que os barcos volvan a navegar por el", a recuperación ambiental das beiras da desembocadura do Gafos, coa rehabilitación do muíño e do lavadoiro do Peilán ou impulsar un proxecto divulgativo sobre o peirao das Corbaceiras.

O plan presentado polos nacionalistas inclúen, dentro da liña de mellorar a calidade de vida do barrio, a reforma integral da rúa Almirante Matos, que xa ten un proxecto aprobado.

As seguintes zonas en recuperar o seu mellor aspecto serán Fonte da Moureira, a Rúa do Ouro, Cornelis de Holanda e o ensanche ao redor do Campo da Torre, con especial interese na recuperación da rúa Juan Villaverde, feita con escaleiras en pedra.