Retranca, diversión e, sobre todo, bo humor. Iso é o que despregaron polas prazas do centro histórico os once grupos que participaron este ano na XXII Mostra da Parodia do entroido pontevedrés. Centos de persoas desafiaron ao mal tempo para contemplar as aloucadas propostas que se presentaron nesta ocasión.
O primeiro premio foi para todo un clásico do Entroido, a comparsa Vamos a todo. Foron os encargados de converter os Soportais da Ferrería nas ramblas de Pontevedra, un particular barrio no que todo era posible.
Equipo Ja, que recreou un extravagante mercado municipal na Praza de Ourense; e Os do Val do Lérez, que despregaron o seu bo humor na Praza de España, obtiveron o segundo premio.
Tamén foron galardoados, neste caso co terceiro premio, Os de Sempre, que parodiaron a absolución da infanta Cristina na praza de Curros Enríquez; a murga PTV, que levou a súa familia irreal á escalinata do Liceo Casino; e a Recriativa de Xeve, que situou a súa divertida proposta entre Michelena e Gutiérrez Mellado.
Para poñer fin ao entroido pontevedrés xa só queda o enterro do loro Ravachol. Será incinerado este sábado, tras un longo velorio que se celebrará na praza da Verdura, a partir das seis da tarde.
Ás nove sairá o cortexo fúnebre, acompañado do seu séquito e das comparsas Amoriños de Bora, Os Canecos, Os Paparrulos, Os Solfamidas, Las Flores del Carnaval, Vamos a Todo e Os da Cana, percorrendo as rúas San Román, Ferrería, paseo Antonio Odriozola, Soportais, Manuel Quiroga, Princesa, Isabel II, Real, Sarmiento e Pasantería.
Ao chegar de novo á praza da Ferrería incinerarase o loro, poñendo fin a oito días de festa.