A modificación dos 300 lombos de Pontevedra elevaríase a 2 millóns de euros

Pontevedra
18 de marzo 2016

O concelleiro de Obras, Luís Bará, explicou a primeira alegación presentada ao mandato plenario promovido polas forzas da oposición para que os lombos pasen a adaptarse á normativa de Fomento

Lombos instalados na avenida das Corbaceiras
Lombos instalados na avenida das Corbaceiras

O arquitecto asesor do BNG na Deputación, Jesús Fole, foi o primeiro en presentar unha alegación ao mandato plenario que obriga ao goberno local a que os lombos que se instalen no futuro cumpran coa normativa do ministerio de Fomento. Luís Bará, concelleiro de Obras, mostrou a súa satisfacción con este informe de 22 folios porque expón que a aplicación literal da ordenanza de Fomento tería consecuencias graves e supoñería un desastre económico e administrativo.

Segundo o informe de Fole, o traslado dos criterios técnicos de construción de pasos de peóns das estradas ás vías urbanas obrigaría a que non se poderían instalar pasos elevados entre 50 e 200 metros, mentres que en Pontevedra hai rúas onde se instalaron varios reductores nun espazo menor.

Ademais a normativa de Fomento evitaría a instalación naquelas vías que non se consideren urbanas, polo que o rural quedaría excluído do mesmo xeito que as rúas con lonxitude inferior a 200 metros ou en tramos con pendentes superiores ao 5% ou con dobre carril de circulación, ademais de que tamén quedarían prohibidos en rúas con tráfico de máis de 5.000 vehículos diarios. Segundo Bará, en Pontevedra máis de 20 rúas teñen esta última característica e terían que eliminarse estes pasos de peóns elevados agás xustificación técnica.

Fomento establece que os pasos de peóns teñen que ser de entre 9 e 11 centímetros. Iso obrigaría a cambiar as beirarrúas para axustar. Segundo o informe tamén se rexistrarían problemas nos autobuses de plataforma baixa. Por outra banda, Bará indicou que as ramplas de Fomento contan cunha pendente do 10%, menos suaves que as que se instalan en Pontevedra que varían entre o 6 e o 8%.

O informe tamén considera "deficiente" a tramitación realizada por vía de urxencia e con informes contrarios do enxeñeiro xefe e da Policía Local. Tampouco inclúe, segundo Fole, un estudo económico do que supoñería eliminar ou modificar os "lombos", tal e como establece a ordenanza de Fomento que aplica un efecto retroactivo. A modificación ou eliminación ascendería a un custo de entre 1.200.000 e 2.100.000 euros, segundo os cálculos do arquitecto que efectúa a alegación.

Ante esta situación, Jesús Fole solicita a anulación da aprobación desta modificación da ordenanza promovida polos grupos da oposición e, como alternativa, expón a adaptación ás normas establecidas pola Deputación de Pontevedra en lugar das de Fomento.

O técnico asesor na Deputación sinala que os reductores deben de adaptarse ás beirarrúas e non ao revés. Ademais apunta que existe un informe do enxeñeiro onde se explica por que se fan así os cambios dos lombos en Pontevedra e por que os criterios son o de accesibilidade e o do acougado de tráfico reducindo a velocidade. Fole apunta, ademais, que esta fórmula converteu á cidade nun referente internacional.

O prazo para presentar alegacións a este mandato aprobado no pleno conclúe a finais de abril.