O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, deu conta esta mañá da modificación puntual do Peprica (Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística) no referente aos edificios orixinais do Museo de Pontevedra e a ampliación que este quere realizar no subsolo.
A aprobación inicial deste plan foi realizada no Pleno Ordinario do Concello de Pontevedra o 19 de xullo, para logo non recibir alegacións durante a súa exposición pública, estando agora preparados todos os informes sectoriais pertinentes.
"Só dúas entidades fixeron algunha puntualización sobre a modificación. Así, Costas manda cumprir o artigo 30, que fala de evitar a formación de pantallas", explica Moreda, que tamén sinalou que "deben ser marcadas nos planos as liñas de dominio público e de servidume. Temos tamén o informe de Patrimonio, que só pide modificar o artigo 86 para a súa adaptación á lei autonómica".
O edil sinalou que agora, cando a Deputación presente o documento adaptado, este deberá ser aprobado provisionalmente no pleno, para logo pedir de novo unha revisión na Xunta. Finalmente, irá a pleno para a súa aprobación definitiva.
Doutra banda, Moreda tamén quixo lembrar que o convenio coa Deputación para a cesión dos terreos do subsolo ao carón destes edificios históricos xa foi aprobado o 7 de febreiro en Xunta de Goberno, restando só por formalizar este acordo coa sinatura oficial.