A Mocidade Galega pola Memoria conmemora o Día da Galiza Mártir cun roteiro e un decálogo de propostas

Pontevedra
15 de agosto 2023

Os actos están organizados na véspera do Día da Galiza Mártir, este mércores 16 de agosto, e comezarán pola mañá coa presentación do bautizado como Decálogo de San Simón, un documento con dez propostas para traballar arredor da memoria histórica dirixido, fundamentalmente, ás administracións públicas 

Roteiro da Mocidade Galega pola Memoria polo Día da Galiza Mártir
Roteiro da Mocidade Galega pola Memoria polo Día da Galiza Mártir /

A Mocidade Galega pola Memoria conmemorará este ano o Día da Galiza Mártir con dúas actividades en Pontevedra pensadas para facer memoria e garantir que non se esqueza o sucedido no Golpe de Estado de 1936 e durante a Guerra Civil e o Franquismo

Os actos están organizados na véspera do Día da Galiza Mártir, este mércores 16 de agosto, e comezarán pola mañá coa presentación do bautizado como Decálogo de San Simón

Trátase dun documento con dez propostas para traballar arredor da memoria histórica dirixido, fundamentalmente, ás administracións públicas que se vai presentar no Parque Amalia Álvarez ás 11.30 horas. 

Xa pola tarde, a partir das 19.30 horas, teñen organizado un roteiro polas rúas de Pontevedra para falar sobre a represión que sufriron as mulleres e o papel destas antes e durante o Golpe de Estado e o Franquismo. 

O percorrido terá paradas en diferentes lugares con especial significado por ser onde viviron, traballaron, loitaron pola democracia ou foron represaliadas as mulleres de Pontevedra

O roteiro dará inicio nos Xardíns de Vicenti e estará amenizado polos Gaiteiros das Rías Baixas

De momento, xa hai máis de 50 persoas inscritas para participar.